chipriota
(< topónimo Chipre)
-
adx
Relativo ou pertencente a Chipre ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Chipre.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo do pobo chipriota.
-
s
m
[ETN/HIST]
Pobo indoeuropeo que, procedente das costas de Grecia, colonizou a illa de Chipre e se estableceu alí.
-
s
m
[LING]
Dialecto grego antigo, estritamente vinculado co arcádico (arcádico-chipriota) e posiblemente tamén co panfílico (aqueo), documentado na illa de Chipre, lugar no que se estableceu coa chegada dos colonizadores gregos. Represéntase graficamente nunha escritura silábica procedente da Creta minoica, transformación da antiga lineal A (escritura lineal), en caracteres denominados chipro-minoicos e que datan aproximadamente da Idade de Bronce. Mantida aínda en inscricións de finais do s II a C, esta escritura silábica non é moi adecuada para a expresión da lingua grega, tanto polas acumulacións de consoantes como polas terminacións trabadas, dado que só representaba sílabas libres (así, pe-re-ta-li-o-ne por Ἐδαλιων, pa-ta por πάντα, a-po-ro-ti-tai por Ảφροδίτα). Ademais da escritura, o dialecto chipriota antigo presenta moitas coincidencias co dialecto xónico (como o resto do grupo). Na época medieval, a lingua grega falada na illa -lingua derivada da koiné grega- presentaba unhas características dialectais que a situaban entre os dialectos do Dodecaneso e os de Asia Menor. Estes grupos dialectais, emparantados xa nunha época bastante antiga, rexistran a presenza de moitos arcaísmos e á vez ofrecen, entre outras características, o cambio de j en kj ou k (δκυό, κονταρκά), ργ e δγ en ρκ e ρτ (πύρκος, ἀρκάτης por ἕργάτης) e βγ, βδ, γδ en βκ, βτ, γτ (βκαίνω, ἐβτομάδα). O pronome ἐγώ é ἐγιώ, e a partícula ϑά converteuse en ἐννά(ϴενά). Tamén, por razóns de tipo histórico, o dialecto grego actual de Chipre contén moitos galicismos e occitanismos, presentes xa na Crónica de L. Makheras, e italianismos e anglicismos (ρίτ por writ, ὁράιτ por all right, φοῦρπος ou φουτιμπόλ por foot-ball, χόκκιν por hockey).
-
arte chipriota
[ARTE]
Arte desenvolvida na illa de Chipre. É o resultado da fusión das civilizacións occidentais e orientais, das diversas correntes artísticas procedentes de Grecia, Asia e Exipto coas características propias de Chipre. Entre os xacementos arqueolóxicos destacan os de Khirokitia, Engomi, Alassia e Kition. En Khirokitia, onde traballaban a pedra pulimentada, descubríronse tholoi, casas cunha cúpula como cuberta. En Engomi, preto de Famagusta, as ruínas de Alassia, testemuño da Idade de Bronce, presentan un desenvolvemento urbanístico notable, con muros ciclópeos que cercan un conxunto de habitáculos, talleres, edificios públicos e templos; nun destes descubriuse a estatua dun deus cornudo do s XII a C identificable con Apolo. Ademais, atopáronse unha gran cantidade de vasos micénicos, alfaias e esculturas, pezas conservadas no Museo de Chipre (Nicosia). A cerámica, lixeiramente recuberta de pasta avermellada no Neolítico, ofreceu posteriormente unha decoración máis rica, con motivos xeométricos e vexetais. A da época do Bronce presenta unha cor vermella máis viva e os debuxos describen animais e escenas da vida. Cara ao s XIV a C a chegada dos micénicos achegou as características propias da cerámica grega, as cores volvéronse máis brillantes, dende a cor parda ata a alaranxada. Sobresae tamén a plástica, con figuras de terracota de homes e animais, e estatuas de oferentes de arxila dedicadas á divindade localizadas en santuarios como o de Aia Irini. A arquitectura civil maniféstase no palacio de Vuní (s V a C), na costa NO, típica acrópole de disposición micénica con patio central, mégara, cámaras reais e templos, entre os que destaca o de Atenea. Outros centros monumentais, con restos que van dende a época clásica ata a romana e cristiá primitiva, son Palépafos (actualmente Koúklia), centro de culto a Afrodita, nacida segundo a tradición na súa ribeira, no lugar chamado Pedra do Grego. A cidade de Néa Pafos conserva un conxunto de tumbas reais dos ss VI ao II a C; preto da antiga cidade está a vila de Diónisos, que conserva mosaicos do s IV a C; xa da época cristiá son as catacumbas e a basílica onde, segundo a tradición, predicou san Paulo. Destacan tamén Kurion, con restos da acrópole do s VII a C, dous templos de Apolo, un estadio, os edificios públicos de época romana e uns baños con mosaicos do s V, e Soloi, cun teatro romano. En Salamina consérvanse restos do foro co ximnasio, teatro, baños e mercado da época romana e unha basílica paleocristiá. Durante a época de influencia bizantina construíronse un gran número de basílicas que non se conservan, pero das que se pode atopar algún vestixio incorporado ás igrexas e mosteiros dos ss XI e XIII, como os de Kikkos, Makheras, Stavroviniu, Hagios e Neófitos, entre outros. Consérvanse mosaicos nas igrexas da Panagia Angelokisti, en Kition, e na Panagia Kanarakia. Chipre foi refuxio dos monxes procedentes de Asia Menor que fuxían das invasións árabes. Trouxeron con eles a realización das iconas que acadaron o seu apoxeo no s XIII. Coa chegada dos cruzados e o establecemento dos Lusignan no trono, as correntes europeas penetraron na illa. O gótico, de influencia francesa, sobre todo da Champagne e do N de Francia, desenvolveuse entre os ss XIII e XV. Destacan a catedral de Santa Sofía, convertida en mesquita de Selimié, como moitas das igrexas, durante o dominio turco, Santa Caterina, a catedral de San Xoán e o palacio de Bedestan, en Nicosia; a catedral de San Nicolás, actualmente mesquita de Mustafá Pachá, o palacio do bispo, San Xurxo dos Latinos e Santa Ana, en Famagusta; e a abadía de Bella Pais, onde é visible a influencia do Císter, preto de Giner. Tamén cómpre destacar a igrexa gótico-bizantina de Paristerona en Morfú e o mosteiro do apostólo Andrés, en Cabo San Andrés, construído en 1897. A arquitectura civil está representada polas fortalezas de San Hilarión, Buffavento, Kantara, os colosos de Limassol, etc. A partir do s XIV a arte italiana tivo influencia na pintura e en moitos edificios construídos posteriormente polos venecianos. As murallas de Nicosia, edificadas polos venecianos, eran circulares, con tres portas -Pafos, Keryneia e Famagusta-, e tiñan once bastións que recibían o nome de cada unha das familias aristocráticas. No recinto fortificado de Famagusta destaca a chamada torre de Otelo, lugar onde se desenvolveu supostamente a acción da traxedia homónima de Shakespeare.
-
literatura chipriota
[LIT]
Aínda que vinculada á literatura grega, ofrece en diversas épocas unha personalidade propia. Na época medieval destaca a figura de Neófito o Recluso, monxe ermitán do s XII, autor de oficios litúrxicos e do escrito Calamidades de Chipre, sobre a conquista da illa por Ricardo I Corazón de León. Posteriormente, localizouse o Livre des assises des bourgeois (O libro dos fundamentos dos burgueses), redactado probablemente en lingua francesa e traducido ao grego demótico cara ao s XIV. Os Assises, instaurados primeiro en Xerusalén e despois en Chipre, constitúen unha normativa para regular as relacións entre o rei e os seus vasalos, e á vez son unha codificación dos costumes de Occidente, arraigados na illa baixo a soberanía dos Lusignan. No s XIV destaca a obra poética de Geórgios Lapithis titulada Os deberes do cidadán, inspirada nos poetas da antigüidade clásica; no s XV, século da historiografía, destaca Descrición do doce país de Chipre, chamada Crónica, de L. Makheras, que relata detalladamente o reinado de Pedro I e da Raíña Eleonor de Prades; e Narración da crónica de Chipre a partir de 1465, de Geórgios Vustrónios, continuador da obra de Makheras. Ambas as dúas crónicas, moi importantes desde o punto de vista lingüístico, influíron na temática da poesía popular que acadou grande éxito dende o s XVI ata o momento da ocupación turca. Cómpre mencionar a obra de Neófitos Rodinós (?1570-1659), home dunha vasta cultura humanístico-relixiosa e apoloxista do catolicismo; entre as súas obras destaca o famoso tratado Sobre os heroes, estrategas, filósofos, santos e outros homes célebres nacidos na illa de Chipre. No s XVI hai unha notable colección de poemas amorosos en dialecto chipriota que son en realidade traducións de poemas de Petrarca, Pietro Bembo e Sannazzaro, e variacións sobre temas de Petrarca. Baixo o dominio turco mantívose vivo o sentimento patriótico grego e a fe ortodoxa con obras como Historia cronolóxica da illa de Chipre (1788), de Kiprianós, e a epopea O 9 de xullo, de Sasalis Mikhaïlidis (1884-1895), escrita baixo a influencia da loita dos gregos pola independencia. Destacan os poetas Pavlos Liassidis, Kostas Mondis, Panos Ioannidis, Kiriakós Kharalambidis, Mikhail Pasiardí e Klitos Ioannidis; e entre os prosistas destacan Nikos Nikolaïdis, Glafkos Alithersis, Melís Nikolaïdis, Lukís Akritas, Kostas Mondis, Kipros Khrisanthis e Irena Ioannida-Adamidu.