clavecín

clavecín

(< fr clavecin < lattardío clāvicymbălu < lat clāve ‘chave’ + cymbălu ‘címbalo’)

s m [MÚS]

Instrumento cordófono de teclado e cordas pinzadas que pertence ao mesmo grupo ca a espineta e o virxinal. Na súa forma definitiva posúe dous teclados, numerosos rexistros (accionados coas mans ou mediante pedais), coa función de combinar os diversos xogos de cordas (4, 8 e 16 pés) e as sonoridades especiais, e un coupler (mecanismo mediante o que as cordas dun teclado se fan soar dende as teclas doutro). Do s XVI ao XVIII foi o instrumento máis importante, tanto como solista como instrumento do continuo na música de cámara, orquestral e na ópera. O centro clavecinista por excelencia no s XVI foi Venecia, polo que a maioría dos instrumentos conservados son italianos. No N de Europa, o centro máis importante era Anveres, onde se establecera a familia Ruckers, especialistas na construción deste instrumento. No s XVII elaboráronse en Alemaña, Francia e Inglaterra modelos intermedios entre os tipos flamengo e italiano que posteriormente se substituíron por un semellante ao construído pola familia Ruckers, pero con teclado e mecanismo francés. A invención do piano, no s XVIII, ocasionou a súa desaparición gradual, aínda que no s XX se produciu un renacemento tanto na interpretación de obras antigas como de nova creación. Numerosos compositores de todas as épocas incluírono nas súas creacións (Johann Sebastian Bach, Carl Philipp Emanuel Bach, Domenico Scarlatti, François Couperin, Manuel de Falla e César Frank). Entre os clavecinistas destacan Rafael Puyana, Gilbert Kenneth ou Bob van Asperen.

Sinónimos