cólera
(
-
s
m
[PAT]
Enfermidade infecciosa aguda causada por unha enterotoxina e producida pola bacteria vibrionácea da especie Vibrio cholerae (ou Vibrio comma), illada en 1883 por Robert Koch. É un bacilo curvo Gram-negativo do que existen dous tipos principais: o tipo clásico, predominante nos brotes de cólera anteriores a 1960, e o tipo El Tor, que produciu nos últimos anos numerosas diseminacións epidémicas, especialmente en extensas zonas de Asia e Europa. O home é a única fonte de contaxio e a transmisión prodúcese directamente ou a través da auga de beber, o leite ou alimentos contaminados, xa que os vibrións coléricos se eliminan abundantemente nas deposicións dos enfermos. Prodúcese unha profunda alteración da permeabilidade da parede intestinal do intestino delgado por mor da multiplicación dos vibrións coléricos; isto provoca unha perda hidroeléctrica brusca e intensa que pode conducir a un shock circulatorio de instalación rápida. O tempo de incubación do cólera vai dunhas cantas horas a tres días e a enfermidade comeza cunha diarrea acompañada de vómitos violentos; as deposicións deixan de ser fecaloides e vólvense acuosas. Progresivamente, instáurase un cadro clínico grave a consecuencia da deshidratación, da acción da toxina do cólera e da activación doutras bacterias intestinais. Débense someter a illamento rigoroso os enfermos e os sospeitosos de selo, así como tomar as medidas hixiénicas necesarias e vacinar os sectores de poboación ameazados. O tratamento básico consiste na restauración do equilibrio hidroelectrolítico e na administración de antibióticos. O cólera propagouse a partir do seu lugar de orixe, o delta do Ganxes, a Bombai en 1818; dende este lugar espallouse por todo o mundo debido aos numerosos refuxiados e aos desprazamentos de militares que provocaban as guerras imperialistas nas que Europa tomou parte. En 1831 detectouse en Rusia e logo nas Illas Británicas, en Francia e noutros lugares de Europa; á Península Ibérica chegou o 1 de xaneiro de 1833, cando o barco inglés London Marchant (que transportaba soldados belgas contaxiados) atracou no Porto, de onde partiu ás Illas Cíes e logo a Vigo, feito polo que contaxiou as poboacións costeiras galegas. O primeiro caso de cólera apareceu no Areal (Vigo) o 19 de xaneiro e, pouco tempo despois, déronse novos casos en Moaña, Meira, Cela, Piñeiro, etc. Por outra banda, o gardacostas da Mariña española, Argos, foi o introdutor dun novo foco en Muros, que axiña pasou a Serres, Carnota, etc. Xa en 1834 se detectaron novos casos en Lugo, aínda que este foco parece que tivo a súa orixe en Castela, a onde probablemente chegou dende Extremadura e Andalucía (procedente de Portugal) ou dende Barcelona, onde nos últimos meses de 1834 se detectou un foco moi activo de orixe mediterránea. As cifras oficiais dan 105.511 mortos (dos 449.264 atacados entre 1833 e 1835) para todo o territorio español; sen embargo, semella que os datos non son moi reais, pois fronte aos 3.869 mortos entre setembro e novembro de 1834 en Barcelona (segundo consta nos diarios dos cemiterios), as cifras oficiais falaban de 2.042. Unha segunda pandemia de cólera afectou a Galicia en 1853; sen embargo, debido á resposta das autoridades, descoñécese a súa orixe, aínda que o foco inicial estivo na ría de Vigo. De Galicia pasou a Portugal, onde acadou a súa máxima incidencia entre os anos 1855 e 1856. Un segundo foco peninsular detectouse, así mesmo, no porto de Barcelona en xullo de 1854. As cifras oficiais recoñecían un total de 236.774 mortos (829.189 enfermos) ata novembro de 1856; sen embargo, a fiabilidade destes datos é menor ca no caso anterior. Unha nova infección, en 1865, dentro da cuarta pandemia europea, foi menos mortífera e extensa ca as dúas primeiras. A pandemia de 1885, por contraste, con 120.254 mortos (340.000 afectados), tivo especial incidencia no levante peninsular (Zaragoza, València, Granada, Teruel, Castellò de la Plana, Albacete, Murcia e Alacant), sen apenas incidencia en Galicia, na que só se rexistraron 64 casos. No verán de 1971, despois de case un século sen andazos (aínda que trala Primeira Guerra Mundial se detectaron algúns casos que poderían ser de cólera), houbo un brote reducido e de escasa mortaldade. Actualmente, hai focos endémicos na India, Paquistán e Myanmar.
-
s
f
Irritación violenta acompañada dun comportamento agresivo. Na tradición oral recóllense ditos como: “Cando a cólera sae de nai, non ten a lingua pai”.
Ex: Montou en cólera cando soubo que non fixeran o traballo.
Sinónimos: furia, furor, ira. Confrontacións: carraxe, rabia.