2 concerto*

2 concerto*
s m [MÚS]

Denominación empregada no s XVII para designar obras escritas para un grupo de instrumentos e voces. Posteriormente, aplicouse a calquera composición musical que opón un ou varios instrumentos solistas á orquestra. Contribuíron de xeito significativo ao desenvolvemento do concerto grosso e do concerto solista, como variante do concerto grosso, no que destaca o virtuosismo dun único solista, Archangelo Corelli (1653-1713), Guiseppe Torelli (1658-1709), Tomaso Albinoni (1671-1751) e Antonio Vivaldi (1678-1741), con quen esta forma musical acadou maior apoxeo ao ampliar as pasaxes solistas do concerto grosso ata que o só de violín dominou o conxunto e dividiu a composición en tres movementos extensos (allegro, adagio e un allegro final máis breve e vivo ca o primeiro) e dúas partes fundamentais (o ritornello do tutti e o concertino). Johann Sebastian Bach bebeu en parte destas fontes na creación dos seus Concertos de Bradenburgo. Este concerto vivaldiano sobreviviu ao período barroco e evolucionou cara ao concerto clásico da man de, entre outros, Haydn, Mozart e Beethoven, e adaptouse á forma da sonata. No romanticismo, moitos compositores, entre eles Chopin e Paganini, conservaron o ritornello nas súas composicións; outros cambiaron a estrutura do concerto, como Mendelssohn e Lizst, quen agrupou as diferentes partes do concerto nunha unidade, dependendo unhas das outras de xeito que parecen constar dun só movemento; e algúns compositores, como Brahms e Dvorák, mantiveron o ritornello no primeiro movemento nun tipo de concerto sinfónico. No s XX, certos autores como Bartók e Schönberg, crearon un innovador concerto de tipo orquestral onde os instrumentos teñen protagonismo por quenda; outros tenderon cara a un concerto nos canons do Barroco e recuperaron o concerto grosso (Bloch e Hindemith). Os instrumentos máis empregados na composición de concertos, tamén escritos para dous (dobre concerto) e tres solistas (triple concerto), foron o violín e o piano, aínda que se utilizan case todos os instrumentos. Entre os concertos de violíns destacan, entre outros, os de Vivaldi, Mozart, Beethoven, Mendelssohn, Brahms e Alan Berg; dos concertos de piano son célebres algúns da autoría de Mozart, Beethoven, Chopin, Schumann, Brahms, Saint-Saëns ou Ravel.