Concordia, La

Concordia, La
[PUBLIC]

Primeiro xornal publicado en Vigo que apareceu en maio de 1873. Subtitulado “Periódico de comercio y de intereses generales”, dividíase nas seccións “Editorial”, “Comentarios y Noticias”, “Variedades”, “Gacetillas” e “Sección Comercial”. Miguel Fernández Dios fundou e dirixiu este bisemanario de tendencia liberal, representante do agrarismo, que incluía textos de diversos autores estranxeiros e colaboracións de Benito Vicetto, Neira Cancela, Francisco Añón e Teodosio Vesteiro. A comezos de 1878 comeza a saír diariamente, dirixido por Eudoro Fernández e Miguel Fernández Lema e subtitulado “Primer diario de Vigo”. Centrado nos problemas da localidade dende unha postura política moderada e construtiva, contou coas colaboracións de Concepción Arenal, Manuel Lustres, Luís Amado Carballo e Cid Ermida. Publicou a escolma de poesía Poesías Varias, de Francisco Añón, precedida dun artigo necrolóxico e de relatos de Castelao. A comezos de 1881, os seus directores xunto cos do Faro de Vigo e outras personalidades do concello reuníronse para crear un centro potenciador da literatura, a historia, a filoloxía e outras áreas da cultura. Cando se constituíu a Liga de Defensores de Vigo, La Concordia converteuse no seu órgano oficial aínda que en 1924 deixou de publicarse e deu paso a El Pueblo Gallego.

Palabras veciñas

concordia | Concordia | Concordia, Fórmula da | Concordia, La | concorrencia | concorrente | concorrer