confraría

confraría

(

  1. s f [RELIX]

    Asociación de fieis constituída para o exercicio de obras de piedade e de caridade, e para incrementar o culto público do seu santo patrón. Os seus membros non pronuncian votos nin viven en comunidade, pero teñen uns estatutos, un título e un hábito particular ou distintivo. As primeiras referencias documentais remóntanse ao s VIII, no ámbito carolinxio.

    Ex: Os membros da confraría celebraron a novena da Inmaculada.

    Confrontacións: congregación.
    1. s f

      Agrupación de persoas que teñen o mesmo oficio e que se unen en defensa dos seus intereses profesionais ou que comparten a mesma ideoloxía.

      Ex: A confraría de artesáns organizou unha exposición das súas obras.

      Confrontacións: gremio, sindicato.
    2. s f pl [ESPECT]

      Agrupacións gremiais e profesionais nacidas ao longo da Idade Media, que se implantaron en vilas como Pontevedra, Betanzos, Santiago de Compostela ou Pontedeume, e outras cunha dimensión máis relixiosa, que tiveron un considerable protagonismo no desenvolvemento de diversas actividades teatrais, tradicionalmente vinculadas ás festas locais e a outras celebracións relixiosas propias da Semana Santa e do Corpus Christi. Pablo Pérez Constanti analizou polo miúdo ese labor en diversos artigos incluídos nas súas Notas Viejas Galicianas (1993).

    3. confraría de pescadores / [DER/HIST]

      Corporación de dereito público que actúa como órgano de consulta e colaboración coa administración pública sobre temas de interese xeral, referentes á actividade extractiva pesqueira e á súa comercialización, especialmente nos sectores artesanais e de baixura. Dende as súas orixes no s XIII, esta clase de organizacións permaneceron vivas malia as transformacións sociais e constituíronse como a estrutura asociativa representativa dos intereses sociais e económicos implicados na actividade pesqueira.

    4. confraría sindical de pescadores / [DER/MAR]

      Unidade de carácter asociativo e sindical, dependente do Instituto Social da Mariña, que integra os produtores de actividades orixinarias e derivadas do exercicio da pesca. Estas confrarías creáronse a partir de 1940 como substitutas dos antigos pósitos de pescadores, e no seu carácter mesturouse a organización profesional e de socorro. Ata os anos oitenta, as confrarías desenvolveron unha xestión que se caracterizou pola burocratización e o nepotismo, pero nesa década adquiriron o seu papel de vertebradoras da actividade produtiva pesqueira e marisqueira. A estrutura interna das confrarías componse de dúas seccións: unha social, integrada polos profesionais do mar que traballan por conta propia, e outra económica, constituída polos armadores e propietarios de explotacións. Entre os seus órganos de participación e goberno destacan a asemblea xeral, formada por todos os membros con voz e voto, no que armadores e pescadores contan con igual número de representantes, o cabido elixido pola asemblea, e o patrón maior, elixido tamén pola maioría dos membros da asemblea. Entre as súas funcións inclúense: a colaboración coas administracións públicas en materia pesqueira, a regulamentación das actividades de distribución e comercialización das capturas, a vixilancia do cumprimento das medidas reguladoras do exercicio da actividade extractiva, e a protección, en xeral, dos intereses e necesidades profesionais e sociais dos produtores pesqueiros e marisqueiros.

Formas incorrectas

cofradía