confucianismo

confucianismo

(

s m [FILOS]

Sistema de pensamento baseado nas ensinanzas de Confucio e dos seus discípulos, que pretendía establecer unha orde universal que combinase os novos valores cos antigos principios e tradicións. Os puntos fundamentais da súa mensaxe eran o concepto de rito (Li), un código de comportamento, baseado en normas consuetudinarias, e a reactivación dos valores tradicionais. Para a consecución dunha sociedade mellor, a clave da ética confuciana é o jen, virtude suprema que representa as mellores calidades humanas. Nas relacións interpersoais, o jen maniféstase na fidelidade a un mesmo e aos demais (chung) e no altruísmo (shu). A educación, o coñecemento, a autorreflexión e o amor cara aos demais son fundamentais na consecución da sociedade ideal confuciana. Politicamente defendía un goberno paternalista, cun soberano benevolente e uns súbditos respectuosos e obedientes. O confucianismo non constituíu unha relixión tradicional, xa que non posuía igrexa nin clero, e Confucio non foi nunca adorado como un Deus, e aínda que era monoteísta e recoñeceu a existencia dun Gran Señor ou Señor do Ceo, non se referiu nunca a unha dimensión transcendente como tal. Os principios do confucianismo están recollidos en nove libros antigos chinos, subdivididos en dous grupos: os “Cinco Clásicos” e os “Catro Libros”. O primeiro grupo está composto por: Clásicos da historia (s X a C), colección de documentos históricos antigos; Clásico das odas (s IX a C), antoloxía de poemas antigos; Memorias sobre os ritos, sobre principios de conduta; Clásico dos cambios (ss VIII-VII a C) e Anais de primavera e outono, única obra que se cre que foi recompilada polo propio Confucio. Completan o corpo confuciano os “Catro Libros”, compilacións dos ditos de Confucio e Mencio: Analectas ou Conversas de Confucio, conxunto de máximas confucianas; Grande Ensinanza, sobre cuestións sociais e políticas; Doutrina do método, interpretación do pensamento de Confucio realizada polos seus discípulos; e o Libro de Mencio, que contén as ensinanzas de Mencio, un dos principais seguidores de Confucio. Á súa morte, os seus discípulos deron vida a diferentes correntes que subliñaban diversos aspectos da doutrina. Os máis salientables foron Mencio (372-289 a C) e Xun-zi (289-238 a C). Mencio baseou a súa doutrina na bondade innata da natureza humana, mentres que Xun-zi afirmaba a maldade inherente ao ser humano, só solventable coa educación moral. Baixo a dinastía Han (206 a C-220 d C), converteuse na ideoloxía oficial do Imperio, e as obras confucianas foron restauradas, canonizadas e utilizadas como material de ensino. Tralo conflitivo período das Seis Dinastías e o rexurdir coa dinastía Tang (618-907), o confucianismo experimentou unha transformación doutrinal coñecida como neoconfucianismo, desenvolvido a partir dos Song (960-1279).

Palabras veciñas

confrontación | confrontante | confrontar | confucianismo | confucianista | confuciano -na | Confucio