2 cono

2 cono

(< lat conu < gr χ)

  1. [MAT]
    1. s m

      Corpo limitado polo plano, que contén a base, e pola superficie formada por todos os segmentos que teñen un dos seus extremos nun punto chamado vértice e o outro nun dos puntos da base. O perímetro da curva plana que forma a base recibe o nome de directriz do cono. As rectas que pasan polo vértice e por un punto da directriz son as xeratrices do cono. A altura do cono é a distancia perpendicular dende o vértice ao plano da base. O volume dun cono calquera de altura h e de base de área B é V=Bh/3. Fálase de cono de revolución se a superficie cónica lateral está xerada por unha recta que pasa polo vértice e xira arredor doutra recta que tamén pasa polo vértice e que recibe o nome de eixe do cono. Se o eixe é perpendicular ao plano da base, fálase de cono recto; este tamén se pode xerar ao xirar un triángulo rectángulo arredor dun dos seus catetos. A área lateral dun cono recto é Aar, onde a é a apotema e r o raio da base, e o seu volume é Vr 2 h/3, onde h é a altura. Se o eixe dun cono de revolución non é perpendicular ao plano da base, fálase de cono oblicuo. As curvas obtidas ao cortar un cono de revolución cun plano que non pasa polo vértice reciben o nome de seccións cónicas ou, simplemente, cónicas. Se o plano secante é paralelo a unha xeratriz do cono, a cónica recibe o nome de parábola; no resto de casos, a secante determina unha elipse ou unha hipérbole, segundo se o plano corta un cono dunha folla ou de dúas.

    2. cono truncado

      Sólido formado pola parte dun cono comprendida entre a base e unha sección transversal. Tamén se denomina tronco de cono.

  2. s m [BIOL]

    Célula neuroepitelial especializada na recepción de estímulos de luz cromática. Xunto cos bastóns forman o neuroepitelio da retina. A sinapse coa segunda neurona ten a forma de cono, feito que lle dá nome á célula. Na retina humana hai uns tres millóns e están concentradas na fóvea. Na retina dos animais nocturnos non hai tantas; en cambio, nas aves diúrnas son especialmente abundantes.

    Confrontacións: bastón.
  3. s m [BOT]

    Estróbilo ou piña das coníferas.

  4. s m [TRANSP]

    Elemento de sinalización de forma cónica, de material flexible (cartón, plástico, etc) que, colocado secuencialmente sobre unha calzada, permite establecer un dispositivo de barreira para separar carrís de circulación ou marcar zonas de acceso prohibido.

  5. [XEOG]
    1. cono aluvial

      Forma de relevo sedimentario constituída por materiais aluviais nunha ruptura de pendente.

      Confrontacións: baixada, baixada.
    2. cono de dexección

      Depósito sedimentario orixinado pola acumulación dos materiais arrastrados por un torrente na súa desembocadura. Unha brusca ruptura de pendente provoca a deposición dos aluvións, sumamente heteroxéneos, que obturan o leito. Coas sucesivas chegadas ao curso inferior do torrente, este faise divagante e os novos aluvións deposítanse en abano por riba dos anteriores.

    3. cono volcánico

      Forma de relevo cónica, máis ou menos irregular, construída por materiais efusivos procedentes do interior da terra que se acumulan ao redor do cráter. Existen conos secundarios que se forman no interior dos grandes cráteres ou na vertente lateral doutro cono.

  6. cono de Abrams [CONSTR]

    Dispositivo que serve para medir a consistencia do formigón.

  7. cono de luz [FÍS]

    No espacio-tempo tetradimensional da relatividade espacial, figura que manifesta graficamente o significado dos conceptos pasado, presente e futuro dun acontecemento calquera O. É unha superficie hipercónica de dúas follas formada polos acontecementos separados do acontecemento O, orixe de coordenadas para un 4-intervalo tipo-luz: (Ds) 2 =c 2 (Dt) 2 -|Dr| 2 =0. Os puntos A do interior do cono de luz que satisfán (Ds) 2 >0 con Dt>0 forman o cono do futuro ou, simplemente, o futuro do acontecemento O; os puntos B do interior do cono de luz que satisfán (Ds) 2 >0 con Dt<0 forman o cono do pasado ou, simplemente, o pasado de O; os puntos C do exterior do cono de luz, que satisfán (Ds) 2 <0, forman o presente de O.

  8. cono de percusión [CONSTR]

    Relevo convexo ou saínte que se inicia nas lascas no punto de impacto do percusor sobre o núcleo, e que continúa no bulbo de percusión ou concoide.

    Sinónimos: concoide.
  9. cono de redución [CONSTR]

    Peza que serve para encaixar un cano con outro de menor diámetro.

  10. cono de silencio [AERON]

    Porción do espazo en forma de cono, co vértice na parte inferior, situada sobre unha radiobaliza, na que non son perceptibles os sinais emitidos por esta.

  11. cono eferente [ANAT]

    Porción das vías seminais humanas que forman, en conxunto, a cabeza do epidídimo.

  12. cono terminal/medular [ANAT]

    Porción terminal da medula, cun vértice que chega aproximadamente ata o nivel da segunda vértebra lumbar e que se prolonga cunha estrutura moi delgada e rudimentaria (filum terminale) ata o fondo do saco raquidio.

  13. cono vexetativo [BOT]

    Extremidade do talo e da raíz onde se localiza o meristema primordial.

Palabras veciñas

connubial | connubio | 1 cono | 2 cono | Conocephalum | Conocybe | conoidal