Convención Consciente, Teatro da
Movemento teatral promovido por Vsevolod Meyerhold a partir dos seus traballos no Teatro Estudio, obradoiro experimental creado ao abeiro do Teatro de Arte de Moscova, que dirixía Konstantin Stanislavski. Naquel marco de investigación, Meyerhold desenvolveu diversas propostas de traballo para eliminar a ilusión escénica, co que tentaba superar a estética naturalista e establecer unha nova relación entre o actor e o seu personaxe, entre o elenco e os espectadores. En anos sucesivos, Meyerhold foi formulando novas teorías no terreo da posta en escena, da interpretación e da recepción; destaca o papel do espectador como un creador máis, pois entendía que como receptor tiña que utilizar a súa imaxinación para dar pleno sentido ás suxestións e propostas do espectáculo teatral. O director de escena ruso partía igualmente do principio de que a creación teatral non ten como obxectivo mostrar unha ilusión, senón construír un mundo dramático que actores e espectadores saben fiticio, feito que permite a incorporación de novos elementos de significación como estruturas metálicas, proxeccións de cine ou grupos escultóricos, e desenvolve unha nova escola interpretativa que xa non se basea na vella identificación entre personaxe e actor, senón no control que este mantén sobre aquel, propostas que serán recollidas e desenvolvidas, entre outros, por Bertolt Brecht na súa formulación dun teatro épico.