Convención Nacional

Convención Nacional

Asemblea constituínte que gobernou Francia dende o 21 de setembro de 1792 ata o 25 de outubro de 1795. Sucesora da Asemblea Lexislativa, estaba composta por 749 deputados electos. Na súa primeira sesión, celebrada o 21 de setembro, aboliuse a monarquía e proclamouse a Primeira República Francesa, que se declarou unha e indivisible. A asemblea encargouse de elaborar unha nova constitución e asumiu, ao mesmo tempo, as funcións do poder executivo. En decembro de 1792 abriu un proceso contra Luís XVI, recluído dende o 10 de agosto na fortaleza do Temple, que rematou coa súa execución o 21 de xaneiro de 1793. Este feito enfrontou os dous grupos dominantes da asemblea: os montagnards ou montañeses, situados á esquerda e defensores das clases populares e da pequena burguesía, liderados por Danton, Marat e Robespierre; e os deputados da Gironde ou xirondinos, situados á dereita e representantes da alta burguesía, dirixidos por Brissot, Roland e Verginiaud. Entre eles situábanse os da chaira, colocados no centro e que constituían o grupo maioritario. As primeiras vitorias francesas sobre os aliados favoreceron os xirondinos, que foron a tendencia dominante ata xuño de 1793, pero a derrota de Neerwiden (marzo de 1793) e a retirada de Bélxica complicou a situación. A Convención tivo que enfrontarse á primeira coalición antirrepublicana, aos levantamentos realistas dalgunhas rexións, como a insurrección de La Vendée, e á axitación interna provocada pola suba de prezos e a carestía. Os xacobinos inspiraron a creación do Tribunal Revolucionario e do Comité de Salvación Pública. A revolta do 2 de xuño de 1793 deulles o poder aos montañeses, que guillotinaron a numerosos xirondinos, desencadearon o “terror” e proclamaron unha nova constitución que non chegou a ser aplicada. A nivel interno aumentaron a represión, as execucións e a crise económica. O 27 de xullo do 1794 (9 de termidor) Robespierre foi derrocado polos moderados da chaira, que coa axuda do exército eliminaron a influencia xacobina dentro da Convención e inauguraron a derradeira etapa da mesma: a termidoriana. Recuperaron a colaboración xirondina, optaron pola moderación no interior de Francia e mantiveron unha actitude agresiva no exterior. En setembro de 1795 adoptouse a Constitución do ano III que lle outorgou o poder executivo a un Directorio e o lexislativo a dúas camáras, o Consello dos Cincocentos e o Consello de Anciáns. Despois de someter unha revolta realista, a Convención disolveuse o 25 de outubro de 1792.