Cordeiro
-
[ONOM]
Apelido que ten a súa orixe nun alcume profesional moi común durante a Idade Media e que se lles aplicaba ás persoas que facían cordas; este oficio desapareceu contra mediados do s XX. Con todo, non se pode descartar a posibilidade de que nalgún caso remita ao latín vulgar *cordariu ‘cría da ovella’, aínda que é pouco probable posto que a voz máis común para designar este animal en galego é ‘año’. Atéstase no s XII en documentos en latín e no s XIV en textos en galego: “Pelagio Cordario” (doc ano 1152-1157 en Ángel Rodríguez González/José Ángel Rey Caiña “Tumbo de Lorenzana”, Estudios Mindonienses 8, 1992, p 65), “Afonso Cordeyro” (doc ano 1358 en J. I. Fernández de Viana y Vieites, Colección diplomática del monasterio de Santa María de Ferreira de Pantón, 1994, p 80). Adoita aparecer castelanizado (Cordero).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe de orixe asturiana que se estendeu por toda a Península. Unha rama pasou a Portugal. Leva como armas escudo axadrezado de doce pezas, seis de ouro e seis de goles; bordo de sinople, con catro cordeiros brancos. Outros traen escudo cortado: primeira partición, en campo de goles, cun castelo de ouro aclarado de azul; segunda partición, en campo de sinople, con dous cordeiros brancos postos en pao. Os galegos usan, en campo de goles, dous cordeiros brancos, terrazados de sinople, un pacendo e outro coa cabeza erguida. Outros levan, en campo de sinople, catro cordeiros brancos en cadanseu cantón.