Córdoba, mesquita de

Córdoba, mesquita de

Mesquita omeia situada en Córdoba. Iniciou a súa construción ‘Abd al-Ra ḥ mān I cara ao ano 785 da era cristiá, sobre o lugar que ocupara un templo visigodo dedicado a san Vicente. Na primeira etapa construtiva empregáronse materiais romanos e visigodos, principalmente nas columnas. A planta da mesquita, practicamente cadrada, está dividida en dous sectores: o do N é o patio ou sahn e o do S é a sala de oración ou haram, formada por once naves aliñadas de N a S e perpendiculares ao muro da quibla co mihrab no seu centro. As naves teñen doce tramos que se abren cara ao patio. No interior destaca a ampliación do espazo vertical mediante a superposición de arcos; estes son de ferradura e alternan a cor branca e vermella nas doelas. Ten cuberta plana de madeira e tellado de dobre vertente no exterior. Hixem I construíu o primitivo alminar ou minarete. En tempos de ‘Abd al-Ra ḥ mān II derrubouse a quibla e alongáronse as naves cara ao S con oito novos tramos construídos xa con materiais novos. ‘Abd al-Ra ḥ mān III construíu un novo minarete e ampliou o patio. Al- Ḥ akam II alongou as naves polo S ata chegar ao límite das murallas e construíu dous espacios: a capela de Villaviciosa, cuberta cunha cúpula nervada que se une a outras tres cúpulas situadas diante do mihrab; o espazo que forman constitúe a maqsura. En tempos de Hixem II e de Almanzor ampliouse a mesquita cara ao O, derrubouse o muro e engadíronse oito naves, orientadas tamén de N a S, ata chegar ao muro da quibla, que tamén se alongou. O mihrab ten planta octogonal e cóbrese cunha cúpula en forma de cuncha que, por mor das sucesivas ampliacións, se descentrou. En 1236 converteuse en catedral cristiá e comezou unha etapa de adaptación ao novo culto que se reflectiu na construción de capelas e dunha nova catedral inserida no centro da mesquita, iniciada no s XVI por Hernán Ruíz o Vello.

Palabras veciñas

Córdoba | Córdoba | Córdoba, califato de | Córdoba, mesquita de | cordobán | cordobés -sa | Cordobés, Manuel