Covent Garden
Teatro londinense, tamén coñecido como Royal Opera House, cunha capacidade para 3.000 espectadores. Foi construído por John Rich, propietario dunha das dúas licencias para teatros que había na época, e inaugurado en 1732 nun coñecido distrito residencial de Londres, cun espectáculo baseado nunha obra de William Congreve, The Way of the World (Os camiños da vida). Destruído por un incendio en 1808, reconstruíuse rapidamente e volveuse inaugurar cunha produción de Macbeth en 1809. Foi un dos primeiros teatros de Europa en introducir a iluminación de gas, feito que tería unha enorme incidencia nas pautas interpretativas e provocou unha reacción que conduciría, a finais de século, ao abandono da xesticulación esaxerada, á redución da declamación e ao realismo. A partir de 1859, as súas producións comezaron a recuperar a orientación inicial que combinaba os espectáculos teatrais coa ópera e o ballet.