cracking*
Proceso de transformación de determinadas fraccións de petróleo noutras máis lixeiras, polo efecto combinado da temperatura, da presión e, nalgúns casos, dun catalizador. O cracking térmico descompón os hidrocarburos dunha fracción do petróleo en hidrocarburos de peso molecular máis pequeno, os correspondentes alquenos e, en último termo, en carbón e hidróxeno. Este proceso, ideado por W. M. Burton en 1912, limitouse á produción de olefinas a partir de naftas ou de gas natural (steamcracking), á redución de viscosidade nos combustibles pesados (visbreaking) e á súa transformación en gas e carbón (coking). En 1936, E. J. Houdry ideou o cracking catalítico, que se realizou nunha cámara de reacción en presenza dun catalizador que permite empregar temperaturas máis baixas (400-500°C) e modifica profundamente a composición do produto final. Este método emprégase sobre todo para a obtención de gasolina cun elevado índice de octano.