Cristo
Antropónimo masculino. Cristo era o segundo nome de Xesús de Nazaret como persoa na que se exemplificaron e cumpriron as promesas de Deus no Antigo Testamento. Etimoloxicamente, procede do grego Cριστός ‘o unxido, o Mesías’, latinizado en Christus, adxectivo verbal derivado de Cρίω ‘unxir con óleo’, equivalente ao hebreo bíblico Māšīa ḥ ‘o unxido, o escollido por Deus, o Mesías’. É un nome persoal moi frecuente na onomástica eslava. O Santo Cristo de Fisterra é un dos antigos patróns dos mariñeiros galegos; o Cristo da Victoria é patrón de Vigo e celébrase o primeiro domingo de agosto; o Cristo de Guende é o sábado antes do Corpus, e o de Fisterra, o domingo de Pascua. A festa de Cristo Rei foi instituída por Pío XI o 11 de decembro de 1925. Na tradición oral recóllense ditos como: “Uns nacen entre boas sabas e outros coma Cristo entre as pallas”, “San Xoán pediu a Cristo / que non o adormentase / para ver bailar o sol / o día da súa romaxe”, “O que non leva Cristo, lévao o fisco”, “Ó burro de Cristo nunca lle faltou cebada”, “Cristo ganado, Cristo papado”, “Non cantedes cantigas locas, / porque é muito pecado: / cantade, cantade cantiguiñas / a Cristo crucificado. Santo Cristo de Fisterra, / santo da barba dourada, / axúdame a remontar / a laxe da Touriñana”.