curandeiro -ra
(< curar)
Persoa que exerce prácticas curativas en persoas ou animais valéndose de coñecementos médicos de tipo tradicional e empírico, ou de prácticas máxicas ou relixiosas. Ademais dos compoñedores -que non empregan tanto a medicina máxica senón que orientan máis o seu traballo a compoñer ósos fracturados articulacións ou tendóns escordados, e tratar certas enfermidades especiais e frecuentes nos animais-, na sociedade tradicional galega e europea hai dous tipos de curandeiros, asociados aos distintos sistemas médicos. Por un lado están os curandeiros ou menciñeiros (ou as curandeiras médicas) que curan fundamentalmente con plantas; moitas destas plantas levan nomes de santos e son consideradas sagradas polo santo que lles dá o nome, outras son herbas comúns ás que recorren para o seu curandeirismo supersticioso, como as follas de loureiro, de romeo, artemisa, carballo, oliveira, menta, fiúncho, ruda, etc; e, polo outro, os curandeiros (ou as bruxas curandeiras) que curan con ensalmos e deprecacións supersticiosas as enfermidades (que diagnostican como froito de maleficios e maldicións dos que nos queren mal) ou eses “males estraños”, causados por aires, miradas, maleficios, encontros, e a boa ou mala estrela. Os primeiros son os representantes da medicina humoral ou hipocrática (que estudiaron os médicos nas facultades europeas ata o XVII), que aprenden o seu oficio de parentes ou veciños e actúan segundo os principios da mediciona natural receitándolle ao enfermo plantas ou carnes que o curen polos seus efectos naturais. Os segundos, tamén chamados “sabios ou bruxos”, practican a medicina bruxo-relixiosa e sandan por medio de esconxuros e mediante o uso de defensas diabólicas. Nesta medicina, na que Deus é o verdadeiro médico, resulta lóxico que o seu representante na terra, o sacerdote, sexa o curandeiro por excelencia. Durante séculos o cura era o que curaba as almas e os corpos, e a finais do s XIX e no s XX abundaban en moitos lugares os cregos curandeiros. En realidade as curandeiras imitan o labor e as prácticas do crego. Realizan os ritos nas igrexas, cruceiros e noutros lugares santos. Cando actúan na súa casa procuran que sexa un ambiente cargado de sacralidade. Na súa casa acumulan cruces, imaxes de santos, estampas, imaxes de santos, rosarios, candeas, auga bendita, incenso, pedra de ara, terra de lugares sagrados, rescritos e velas do Xoves Santo; algunhas posúen, ademais, o “libro” (isto é, a copia do Misal Romano) e revístense con ornamentos sacerdotais, como o sobrepeliz e, máis correntemente, a estola. Mesmo, ás veces, empregan oracións ou frases en latín. Convén ter en conta que os curandeiros, igual ca os sacerdotes, son simples intermediarios: sempre curan en nome e polo poder de Deus. Para seren curandeiros non necesitan grandes coñecementos nin un longo aprendizaxe, senón a graza divina. Varios son os sinais de tela recibido: nacer cunha cruz ou coa roda de Santa Catalina no ceo da boca (de feito, nalgunhas persoas as suturas da bóveda palatina, anormalmente avultadas, forman unha cruz ou un arco); nacer nun día especialmente santo, como o día de Nadal; falar, como os profetas de Iavé, no ventre da nai; e superar un parto ou un nacemento difícil, como ocorre cos xemelgos, os setemesiños ou os meniños que nacen de pé. Hai tamén curandeiros ocasionais, que son os que participan da santidade da Virxe ou dalgún santo importante por levar o seu nome, e dos nenos e nenas virxes. Ao trataren o meigallo, o mal de ollo, o mal de aire e outras enfermidades de tipo psíquico ou psicosomático, non poden considerarse como un substituto popular dos médicos, pero si dos psiquiatras e psicólogos.