Compañía das Indias Orientais

Compañía das Indias Orientais

Nome de varias empresas mercantís creadas en Europa occidental durante os ss XVII e XVIII para a explotación do comercio coas Indias Orientais. Tiñan apoio gobernamental e autorización para adquirir territorios e exercer neles funcións de goberno, como lexislar, emitir moeda, declarar guerras, negociar tratados ou administrar xustiza. As principais foron: a Compañía Inglesa das Indias Orientais, con monopolio comercial en Asia, África e América, que estableceu as súas primeiras factorías na India (Madras, Bombai e Calcuta); e a Compañía Holandesa das Indias Orientais, fundada con privilexio dos Estados Xerais holandeses en 1602, que tiña o monopolio do comercio co Océano Índico e que colaborou na Guerra da Independencia contra Castela. A invasión francesa de 1795 cortou a comunicación da Compañía cos seus establecementos coloniais e provocou a súa fin (1798). A Compañía Francesa, constituída en 1664 por Jean Baptiste Colbert, mantivo o monopolio do comercio nos océanos Pacífico e Índico. Fundou a súa primeira factoría en Surat (Bombai) en 1675. As operacións da Compañía suspendéronse en 1769 e o seu capital transferiuse á coroa.