Compañía de Gardas Mariñas de Ferrol

Compañía de Gardas Mariñas de Ferrol

Compañía creada en 1776 co fin de atender as necesidades de formación dos oficiais da Armada, de acordo coas novas esixencias da navegación e da guerra. Constituíuse como un centro científico no contexto do movemento ilustrado. Seguindo o modelo da que existía en Cádiz, tiña unha estrutura militar e outra docente, constituída pola Academia, supeditada á primeira. O mando correspondía a un capitán de navío. O primeiro en exercer o cargo foi Francisco Javier de Winthuysen. Os gardas mariñas de Ferrol chegaron a dispoñer dun regulamento específico: Instrución para Guardias Marinas de la Compañía del Ferrol (1806). A creación desta compañía axudou a impulsar a actividade do departamento naval de Ferrol e favoreceu que acudisen pilotos, astrónomos, matemáticos e outros especialistas á cidade. Ademais, a Academia posuía un observatorio único en Galicia. Nas clases de capacitación para oficiais estudiábase aritmética, xeometría, trigonometría, cosmografía, navegación, artillería e manobras. Realizaban tamén estudios de danza, esgrima, debuxo, construción e idiomas (inglés e francés), que compaxinaban con artes prácticas. En 1783 creouse un programa de estudios avanzados, o Curso de Estudios Maiores, cos que se pretendía formar o grao superior dos oficiais.