Compañía de María, convento da

Compañía de María, convento da

ou convento de la Enseñanza Edificio situado no núcleo histórico de Santiago de Compostela. Fundouno o bispo Rajoy y Losada en 1765 como colexio de Señoritas Nobres, baixo a advocación da Nosa Señora da Gracia e san Xudas Tadeo, e co patrocinio do indiano Mateo Vázquez. Reedificouse entre 1821 e 1841 baixo o goberno do arcebispo Múzquiz. Pertence á Compañía de María e funciona como colexio de ensino. O proxecto inicial foi obra de Clemente Fernández Sarela, pero continuou as obras Xoán López Freire. A fachada, obra de Xosé Otero, é neoclásica. Consta de dous corpos laterais rematados en forma de torreón e dun corpo central con fachada dórica que remata cunhas esculturas de Xosé Pernas (1831). A igrexa ten planta de cruz grega e o seu espazo central cóbrese cunha cúpula.