Cristovo, san
(Siria?, s II) Mártir cristián lendario. Segundo unha lenda do s XI, foi un príncipe cananeo que nun principio estivo ao servizo do demo. Logo, ocupouse de pasar viaxeiros sobre os seus fortes ombreiros por un torrente. Disque un día se lle apareceu Cristo baixo a forma dun neno e recoñeceuno polo seu peso; foi daquela cando comezou a súa predicación co nome co que se coñece Christophorus ‘portador de Cristo’. Sufriu martirio en tempos do Emperador Decio (249-251). A reforma litúrxica do Concilio Vaticano II eliminouno do calendario romano, aínda que é dos santos máis antigos no culto hispánico (s VII) e en Oriente xa está documentado no s V. Na Idade Media, o seu culto era moi popular en Occidente. A súa advocación principal é a de protexer contra a “mala morte”, sen recibir os sacramentos da unción dos enfermos; aínda que por ter prestado servicios a viaxeiros e camiñantes a tradición converteuno en patrón dos automobilistas, aviadores, alpinistas, atletas, portadores, descargadores, etc; e dos viaxeiros e peregrinos. De aí a súa repetida presenza preto dos portais das igrexas nas capelas e nos retablos. A súa iconografía data de comezos do s X; adoita representarse coma un home corpulento, atravesando un río co Neno Xesús ás costas ou nun ombreiro, e cun caxato de póla de árbore na man dereita. A súa festividade celébrase o 10 e o 25 de xullo. É titular de 65 parroquias e patrón dos concellos de San Cristovo de Cea e Monterroso, onde se festexa o 10 de xullo, como en Borraxeiros (Agolada), Baio, Carnés, etc (data do calendario mozárabe); A Fonsagrada e Vilalba celébrano o 25 de xullo (data do calendario xeronimiano); Baleira celébrao o 12 de agosto.