dama que fala, A
Poemario colectivo publicado en 1983 por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel Romón, membros do grupo Rompente. Apareceu catro anos despois do momento da súa creación, cando xa se desfixera o grupo. Componse de vinte e un textos que alternan prosa e verso, nos que a literatura se concibe como un instrumento de intervención ideolóxica que pode conducir ao cambio social. O seu obxectivo fundamental é a superación da tradición socialrealista e ofrece unha visión de Galicia que incorpora elementos marxinados ou rexeitados polos canons estéticos: mestura a cultura tradicional máis enxebre coa cultura popular viva, de xeito que a tradición literaria interacciona coa publicidade, co cine, co imaxinario colectivo e mesmo con fotonovelas, cómics ou panfletos. Emprega o humor, a ironía e a parodia para centrarse nos elementos contraditorios que conforman o día a día no espazo galego e, en particular, na cidade de Vigo, aínda en transición entre o mundo rural e o urbano, de aí o protagonismo conxunto dos labregos-proletarios, das tabernas, das conserveiras, etc. Formalmente, o caos reflíctese na incorporación doutros idiomas ao galego, como o castelán, o francés ou o inglés, na transgresión das normas da ortografía e da gramática, nos xogos tipográficos, e na mestura da lingua coloquial e científica.