Dársena
Revista universitaria bilingüe editada na Coruña a partir de 1988 por alumnos e profesores da UNED. Coordinada por José Á. Pereira, contaba cun consello de redacción formado por Silvia Longueira, Luisa Martínez, Marcelino Fernández, Emilio Fernández e Segismundo Montero. Ilustrada con fotografías de Xurxo Lobato e Xosé Abad, colaboraron nela Pedro Arias, Miguel Cancio e Francisco Pillado, entre outros. Incluía artigos relacionados co sistema educativo, as experiencias dos docentes, a normalización lingüística do galego no ámbito da educación, o sistema financeiro galego, a conservación dos bens do patrimonio histórico, o sindicalismo e entrevistas a distintos persoeiros da vida pública en Galicia. No segundo número, publicado en xaneiro de 1990, inseriuse un especial sobre urbanismo, e na terceira entrega, en decembro do mesmo ano, unha reportaxe sobre a conservación da natureza.