Deutsches Theater

Deutsches Theater
[ESPECT]

Compañía de teatro berlinesa fundada en 1883 por Adolphe L’Arronge e Ludwig Barnay. Contaba cun elenco no que destacaban intérpretes como Josef Kainz e Agnes Sorma, e tiña como obxectivo crear un repertorio de espectáculos seguindo a pauta da compañía creada polo Duke de Meiningen. En 1894, Otto Brahm, creador e director do prestixioso Freie Bühne (Teatro Libre de Berlín), asumiu a dirección da compañía e introduciu nas súas producións a estética naturalista e os principios dos teatros de arte, ao tempo que pasou a ser considerado unha especie de teatro nacional, a semellanza dos existentes noutros países europeos. Non obstante , o estilo comprometido de Brahm, defensor do realismo crítico de Henrick Ibsen ou Gerhart Hauptmann, non eran do agrado das autoridades, polo que en 1905 Max Reinhardt asumiu a dirección artística, cargo que desempeñou ata 1933, ano en que emigrou aos EE UU trala instauración do réxime nazi. Durante a súa estadía á fronte da institución, Reinhardt creou unha escola de teatro e construíu un novo edificio, o Kammerspile (Teatro de Cámara) para a exhibición de espectáculos de pequeno formato. Reconstruído tralos bombardeos de Berlín, pasou a ser o referente teatral fundamental de Berlín Leste e da República Democrática Alemana, baixo a dirección de Wolfgang Langhoff, Gerhart Wolframm ou Alexander Lang. Entre 1949 e 1954 acolleu o Berliner Ensemble de Bertolt Brecht.