Día Mundial do Teatro

Día Mundial do Teatro

Celebración internacional que comezou en 1961 a partir dunha iniciativa do Instituto Internacional do Teatro, organismo creado en 1948. A data escollida para a celebración foi o vinte e sete de marzo pois nese mesmo día, en 1956, tiña lugar en París o primeiro encontro do Teatro das Nacións, xuntanza na que participaron representantes das máis diversas tradicións teatrais do planeta. Todos os anos, o Instituto Internacional do Teatro encarga a unha personalidade destacada a elaboración dun manifesto que se fai público na data sinalada nun significativo número de países e linguas, mentres en Madrid a comunidade teatral coloca unha bufanda branca arredor do colo da estatua de Valle-Inclán situada no Paseo de Recoletos, un costume instaurado en 1983 por Chatono Contreras e Manuel Gómez García, tamén promotores en 1992 do Alfinete de Prata, galardón co que se premia o labor de apoio e potenciación da creación dramática e teatral. En Galicia, a celebración do Día Mundial do Teatro corre a cargo da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, que desde 1996 vén propoñendo a unha persoa destacada na cultura galega a elaboración dun manifesto galego polo teatro.

Palabras veciñas

Día de Fiesta, El | Día de Galicia | Día de Galicia | Día Mundial do Teatro | Dia, Beatriz de | Día, El | Dia, Mamadou