Día de Galicia
Xornada de exaltación de Galicia que se celebra o 25 de xullo. A institucionalización desta data como símbolo do ente colectivo galego tivo a súa orixe no ano 1920 cando a propiciaron as Irmandades da Fala como medio de difusión dos seus ideais nacionalistas. A data escollida para a celebración civil do Día de Galicia (festividade relixiosa de Santiago Apóstolo) foi ben aceptada pola maioría dos sectores do galeguismo, tanto polos que pretendían secularizar esta festa, como polos que pretendían primar o carácter simbólico e espiritual da mesma, aínda que non faltaron as voces discrepantes, como a Federación de Sociedades Galegas ou a Sociedade Pondal que, para fuxir do paralelismo simbólico que tiña esa data, optaron por fixar o 17 de decembro (aniversario da morte do mariscal Pardo de Cela) como data alternativa. Impúxose definitivamente a data do 25 de xullo e o Día de Galicia continuou a celebrarse durante os tres primeiros anos da década de 1920, con liberdade de exhibición de símbolos patrióticos, como a bandeira, o escudo ou o himno, e coa programación de numerosas actividades de carácter recreativo, cultural e ideolóxico. Durante a Ditadura de Primo de Rivera prohibíronse as concentracións e exhibicións de símbolos de carácter nacionalista, por considerar que atentaban contra a unidade da patria (Real Decreto do 18 de setembro de 1923), e a celebración circunscribiuse a actos puntuais de carácter cultural, feito que suscitou as queixas dos seus impulsores nas súas publicacións (A Nosa Terra e Céltiga). A partir de 1930, e sobre todo coa Segunda República, retomouse a celebración e uniuse ás súas reivindicacións o Partido Galeguista. Así, en abril de 1930, as Irmandades da Fala celebraron a súa VI Asemblea na que acordaron, a proposta de Antón Villar Ponte, celebrar unha Diada do idioma galego coincidindo co Día de Galicia, para reafirmar e potenciar o seu simbolismo. A Guerra Civil e a posterior ditadura franquista serán de novo unha obrigada paréntese na celebración interior do Día de Galicia, polo menos no que se refire á libre exaltación do seu carácter nacionalista, e tomaron o relevo as comunidades e institucións situadas na emigración, sobre todo en América. De aí que esta data sirva para conmemorar tamén o Día do emigrante, recollendo a proposta que realizara en 1974 a Federación Mundial de Sociedades Galegas. Nos anos setenta, o nacionalismo galego retomou a data do 25 de xullo, aínda que rebautizou a conmemoración co nome de Día da Patria Galega. Feitos destacados neste proceso de recuperación e normalización da exhibición pública dos símbolos de identidade do pobo galego foron a concentración nacional en Santiago, convocada en 1968 pola Unión do Pobo Galego (UPG) co apoio, máis ou menos explícito, da Asociación Democrática de Estudiantes galegos e da organización galega da Frente de Liberación Popular, e co gallo do que na convocatoria se chamaba Día Nacional Popular; outros acontecementos salientables foron a concentración convocada en 1973 pola Liga Democrática Galega para conmemorar o Día de Galicia e a convocatoria da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), en 1975, co gallo do Día da Patria Galega (denominación utilizada o ano anterior pola UPG nun manifesto no que analizaba a situación política galega, aínda que non fixera nesta ocasión ningún chamamento público), que citaba a unha concentración perante a igrexa de San Domingos de Bonaval. Nas tres ocasións foi escasa a afluencia de público, debido á falta de permiso oficial por parte das autoridades e á forte presenza policial. Trala morte de Franco, o 25 de xullo de 1976 a AN-PG volveu convocar en Santiago de Compostela o Día da Patria Galega, esta vez coa consigna da autodeterminación. A esta convocatoria sumáronse inicialmente o Consello de Forzas Políticas galegas e a Táboa Democrática de Galicia, pero ante a desautorización gobernativa do acto, a Táboa optou por celebrar unha manifestación alternativa utilizando a denominación de Día de Galicia. Iniciáronse así dúas manifestacións diferentes polas rúas compostelás que, como en anos anteriores, disolveu a policía (nesta ocasión coincidiu ademais a visita en Santiago de Compostela do Rei Xoán Carlos I para facer a tradicional ofrenda ao Apóstolo). A falta de unidade nas convocatorias e mesmo no apelativo usado para designar a conmemoración, foi unha constante durante os anos seguintes. Así, foi o Día de Galicia para o PSOE, por exemplo, o Día da Patria Galega para as forzas nacionalistas de esquerda, e o Día Nacional de Galicia para a Xunta, que utilizou esta como denominación oficial desde os anos setenta. Polo que se refire ás convocatorias e actos a celebrar, tamén aquí primou a heteroxeneidade: manifestacións, concentracións lúdico-reivindicativas, mitins, actos relixiosos, homenaxes e ofrendas no Panteón de Galegos Ilustres, principalmente ante a tumba de Rosalía ou de Castelao. Os partidos, asociacións, grupos políticos ou culturais optaron entre esta variada oferta segundo a súa ideoloxía e as puntuais alianzas e acordos. Desde 1990, a Xunta de Galicia celebra nesta data actos especiais conmemorativos de xeito institucional.