ditadura

ditadura

(< lat dictatūra)

  1. s f [HIST/POLÍT]

    Sistema de goberno que se define pola concentración, legal ou ilegal, de todos os poderes políticos e o seu exercicio absoluto nas mans dun goberno persoal ou colexiado. O goberno, que normalmente conta co apoio da oligarquía dominante, reprime as organizacións políticas, censura a prensa e mantén a orde social por medio a forza militar ou policial. Os primeiros réximes ditatoriais coñecidos apareceron en Grecia, pero foi en Roma onde xurdiu o termo para designar o goberno dun maxistrado supremo, nomeado polos cónsules coa aprobación dos comicios curiados e do Senado, para que gobernase como soberano absoluto en situacións de perigo. Os ditadores posuían diferentes características e atribucións en función do seu nomeamento e o seu mandato limitábase a seis meses. O Emperador Marco Aurelio suprimiu esta institución. Durante a Idade Media a figura do ditador achegouse a un modelo tiránico e non foi ata a Revolución Francesa cando se considera que apareceu a primeira das ditaduras modernas, a xacobina francesa (1793-1794). O goberno dos xacobinos caracterizouse pola procura do principio de igualdade como base dunha uniformidade social, pero a experiencia levounos a defender os seus coñecementos políticos fronte á espontaneidade nas decisións populares, polo que se converteron na vangarda da revolución. Ao mesmo tempo concentraron os poderes no executivo, en detrimento do lexislativo, e empregaron os instrumentos de control propios dun Estado centralizado e contaron co apoio das masas. Nalgunhas constitucións occidentais do s XIX e comezos do s XX apareceron figuras próximas ao ditador, inspiradas no modelo romano, que se ocuparían do goberno durante o estado de excepción. No s XX, o concepto de ditadura definiuse como unha forma de estado oposta aos réximes democráticos liberais, na que se exercía o poder absoluto, sen limitacións xurídicas. A nivel teórico, C. Schmitt presentouna como unha alternativa conceptual á democracia. A variedade dos réximes autoritarios que xurdiron despois da Primeira Guerra Mundial, cando a ditadura se xeneralizou por Europa e América Central e do Sur, permitiu o establecemento de diversas tipoloxías en función de criterios distintos. O elemento diferenciador máis destacado foi o grao de capacidade coercitiva e de penetración no tecido social. Segundo este criterio distínguense entre as ditaduras autoritarias, como as de Primo de Rivera ou Franco en España e a de Salazar en Portugal, que empregaron medios de coerción tradicionais como a policía ou o exército, e as ditaduras totalitarias, representadas pola Alemaña nazi ou a Rusia stalinista, que contaban cun alto grao de penetración social nos ámbitos públicos e privados mediante o partido único. A fin da Segunda Guerra Mundial supuxo a liberación das ditaduras totalitarias da Europa Occidental, logo da caída de Hitler en Alemaña e Mussolini en Italia, malia que as ditaduras establecidas en España e Portugal se adaptaron ao novo contexto da Guerra Fría e se prolongaron no tempo. No caso da ditadura franquista, pódense sinalar entre as súas características a concentración do poder na persoa de Franco, a inexistencia de partidos políticos (substituídos polo Movimiento Nacional (1936)) a ausencia dunha constitución, e unha aproximación ás potencias do Eixe, acompañada da fascistización nos seus primeiros anos, que derivou nunha posición de neutralidade durante a Segunda Guerra Mundial. O proceso descolonizador emprendido polas vellas potencias no contexto da Guerra Fría, propiciou o nacemento de novos gobernos nas antigas colonias africanas e asiáticas, que en moitos casos se orientaron cara a un réxime autoritario dirixido por un líder carismático e apoiado polo exército. En Latinoamérica, os ditadores, que xa apareceran nas especiais condicións do proceso de independencia, continuaron presentes durante o s XIX nas figuras dos caudillos, e estendéronse dun xeito masivo no s XX, feito que supuxo que a finais da década dos setenta só Venezuela, Colombia, México e Costa Rica mantivesen gobernos democráticos. Nos anos setenta desapareceron o réxime salazarista en Portugal (1974) e a ditadura franquista en España, onde se iniciou o proceso de transición á democracia (1975-1977). Nos estados do Terceiro Mundo, as ditaduras permaneceron ata finais dos anos oitenta ligadas á evolución da conxuntura económica mundial e á maior ou menor tensión entre o L e o O. Entre os representantes das tendencias ditatoriais nos gobernos do s XX poden citarse tamén a Jozef Pilsudski en Polonia, Mobutu en Zaire, Doe en Liberia, Siad Barre en Somalia, Mustafá Kemal en Turquía, Hafīz al-Assad en Siria, Saddam Husayn en Iraq, Suharto en Indonesia, Marcos en Filipinas, Augusto Pinochet en Chile, Trujillo na República Dominicana, a familia Duvalier en Haití, os xenerais Videla, Viola e Galtieri en Arxentina e Strossner en Paraguay. Pola súa parte o ex-presidente de Perú, Alberto Fujimori, exerceu o poder ditatorial revestido de elementos democráticos.

  2. ditadura democrático-popular

    Réxime político formado pola alianza da clase obreira, os campesiños e a pequena burguesía urbana, baixo a dirección política da clase obreira. Instaurouse na República Popular China.

  3. ditadura do proletariado

    Réxime político propio da transición da sociedade capitalista á sociedade comunista, definido por Marx en 1852 e recollido por Lenin en Estado e a revolución (1917). Defínese como unha nova forma de Estado democrático para os proletarios e ditatorial fronte á burguesía, que ten por obxectivo unha sociedade sen clases e, polo tanto, sen Estado.