Ditadura de Primo de Rivera
Período do reinado de Afonso XIII no que o xeneral Primo de Rivera actuou como xefe de goberno con poderes ditatoriais (13.9.1923-28.1.1930). Ante a incapacidade dos divididos partidos dinásticos para crear un goberno forte que afrontase a radicalización da loita obreira e que superase a situación de recesión económica, e ante as consecuencias políticas da Desfeita de Annual, o xeneral Primo de Rivera adiantouse á discusión no Congreso cun golpe de estado militar. Formouse un Directorio Militar coa misión de establecer a orde pública, suspendeuse o réxime constitucional, estableceuse unha ríxida censura e prohibíronse todos os partidos políticos e sindicatos, agás os ligados á patronal. A política do réxime levou a numerosos sectores a un enfrontamento co goberno que acentuou a radicalización dentro dos mesmos partidos dinásticos e do exército, incluso houbo dous intentos de cambio de goberno, a Sanjuanada (xuño de 1926) e o intento de Sánchez Guerra (xaneiro de 1929), que fracasaron. A política económica xirou cara a un moderado dirixismo estatal na industria e á promoción de obras públicas. Non obstante , o ministerio de Finanzas non puido manter a cotización da peseta e o déficit estatal aumentou. As clases dominantes, afectadas pola crise económica de 1929, deixaron de soster a Primo de Rivera e Afonso XIII retiroulle o apoio, feito que o obrigou a dimitir. Para Galicia, a ditadura supuxo un freo para os movementos agrarista e nacionalista. No agro, o Decreto-Lei do 26 de xuño de 1926, decreto de redención foral, legalizou o acceso á propiedade das terras por parte dos campesiños, e no movemento agrario abriuse unha etapa de predominio da ideoloxía do catolicismo-social nos sindicatos e federacións. O nacionalismo, prohibidas as súas manifestacións políticas, mantívose no plano cultural. A represión exercida pola ditadura apreciouse nos avatares das publicacións nacionalistas das Irmandades da Fala e do grupo Nós, que deixaron de editarse, como a revista Nós (1923-1925), e noutras desapareceron os artigos de índole política.