Diputación Provincial de Galicia

Diputación Provincial de Galicia

Institución establecida en aplicación da Constitución promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812 para o goberno do Reino de Galicia, constituído en provincia. Integrábana un presidente e un vicepresidente (designados polo goberno), sete vocais en representación de cada unha das antigas provincias (Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui), ademais dun secretario e dun vicesecretario. Constituíuse o 19 de marzo de 1813 en Santiago de Compostela, cidade que xa fora sede da Xunta Xeral do Reino de Galicia, á que a nova deputación substituía. Asumiu competencias na creación de concellos consonte o novo sistema municipalista de ordenación territorial, cálculo e recadación de tributos, e elaboración do catastro. Converteuse na instancia intermedia entre o poder central e as administracións municipais, xa que as sete provincias tradicionais perderon calquera entidade orgánica que puideran ter con anterioridade á proclamación da Constitución, e no seu período de vixencia unicamente mantiveron o carácter de circunscrición electoral para a formación da propia deputación. O decreto no que se abolía a Constitución, asinado polo Rei Fernando VII no outono de 1814, supuxo a restauración do Antigo Réxime e, xa que logo, a supresión da deputación. Non obstante , tralo triunfo do pronunciamento do coronel Riego, no que se restableceu a Constitución (1.1.1820), recuperouse a administración provincial e o 9 de xullo de 1820 constituíuse de novo a Diputación Provincial de Galicia, que permaneceu vixente ata abril de 1822 ao disgregarse o seu territorio nas novas provincias da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Villafranca del Bierzo, en aplicación da resolución adoptada polas Cortes o 13 de xullo de 1821.