Diputación Provincial de Vigo

Diputación Provincial de Vigo

Institución creada para o goberno, administración e promoción dos intereses da provincia de Vigo, proclamada polas Cortes españolas o 13 de xullo de 1821. Funcionou provisionalmente dende decembro de 1821 ata o 5 de maio de 1822, data na que se celebraron nos 11 partidos da provincia as eleccións para designar os seus membros. A entrada na cidade de Vigo das tropas do xeneral Morillo, que desertara e se unira coa súa guarnición de Lugo ao exército expedicionario enviado pola Santa Alianza (Os Cen Mil Fillos de San Luís), significou a súa disolución na práctica o 4 de agosto de 1823, que se consumou legalmente coa derrogación da Constitución por decreto do Rei Fernando VII en novembro dese ano. A Revolución de 1840, secundada pola Milicia Nacional e o Concello de Vigo, supuxo unha segunda e breve restauración da provincia de Vigo (21.10.1840-6.11.1840), pero tampouco se chegou a constituír como acontecera en 1836, cando un decreto gobernamental do 26 de maio (que finalmente non se chegaría a executar), ordenara trasladar a Vigo a capitalidade.