domingo

domingo

(< lat domĭnĭcus(dies)

  1. s m

    Sétimo día da semana no cómputo antigo ou primeiro no cristián. Na tradición oral recóllense ditos como: “Cando o domingo chove despois da misa, a semaniña enteira verás que risa. Cada martes ten o seu domingo”.

  2. [RELIX]
    1. s m

      Festa semanal dos cristiáns. A celebración ten a súa orixe na resurrección de Cristo e era o día da reunión dos crentes para celebrar a liturxia da palabra e a fracción do pan.

    2. domingo de Pascua/de Resurrección

      Festividade máis importante do calendario litúrxico cristián. Nel celébrase o día da resurrección de Cristo, que fora crucificado dous días antes, o Venres Santo. Esta data do domingo de Resurrección coincide co día da celebración da Pascua xudía. Ambas as dúas festas, conmemoran os alicerces a partir dos que se fundamenta o pobo de Deus e a súa Alianza con El. A Pascua é a celebración do paso do Mar Vermello no Éxodo de Exipto, o momento clave na conformación de Israel. A Resurrección é un novo paso, supón a redención definitiva do pecado.

    3. domingo de Ramos/de Paixón

      Domingo anterior ao domingo de Resurrección, no que a Igrexa conmemora, como un inicio da Semana Santa, a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén.

  3. [ETN]

    Día no que principia o ciclo do Entroido. Recibe o nome de domingo fareleiro, borralleiro ou das trapalladas, xa que en determinados lugares de Galicia é típico saír á rúa con sacos de fariña, borralla, betume ou feluxe para esparexer por riba da xente. O segundo domingo chámase domingo oleiro, pola práctica habitual do xogo das olas. Os participantes, colocados formando círculos, van pasándose os recipientes de barro cheos de viño, auga ou fariña duns aos outros. O que os deixe caer ten a obriga de pagar unha rolda de viño ou unha merenda. O domingo anterior ao de Entroido é o corredoiro, momento no que se celebra a corrida do galo, que consiste en pendurar a ave dunha corda tendida para que os mozos lle arrinquen a cabeza. A festividade remata co domingo de Entroido, día no que se come en abundancia, especialmente carne de porco, para dar paso á Coresma e ao domingo de piñata, celebración especialmente urbana na que se tenta romper unha piñata de lambetadas cun pau e cos ollos tapados.