Edicións do Cumio

Edicións do Cumio

Empresa editorial creada en 1988 en Vigo. Dirixida inicialmente por Carlos Blanco Yáñez, daquela presidente da Asociación Galega de Editores, á súa morte substituíuno Antón Mascato. No seu comezo centrou a súa actividade na edición xeral de libros, en especial literatura infantil e xuvenil (“curuxa” e “gaivota”), narrativa para adultos, da que destaca a colección de novela policial “cómplice” e material complementario de ensino (“guías de lectura”, “criterio”, “manuais”, etc). En 1994 comezou a súa actividade musical, nun principio baixo a dirección de Suso Vaamonde, e logo de Cándido Meixide. O folk (Treixadura e Liorna), o rock (Túzaros e Xenreira), e a música tradicional (Pallamallada, Xistra e Ultreia), son os estilos máis destacados, aínda que tamén atende as chamadas novas músicas (Tangata e Emilio Rúa). Unha das súas especializacións é a cartografía e a publicación de guías turísticas, como mapas de Galicia, de comarcas e de espacios naturais, planos de vilas e cidades, e guías de interese turístico e cultural (“Cidades”, “Castros”, “Fervenzas” e “Naturguías”). A partir de 1998, a editorial comezou unha nova liña de produción que denominou “multimedia”, coa elaboración de CD-ROM. En 1999 publicou o primeiro Dicionario electrónico da Lingua Galega, ademais dun corrector ortográfico. Entre as súas producións destacan os audio-libros infantís, os xogos didácticos e diferentes dicionarios de lingua galega. En 1996 conseguiu o premio das Irmandades do Libro ao labor editorial.