eixe

eixe

(< lat axe)

  1. [TECNOL]
    1. s m

      Peza, xeralmente en forma de barra, que nun mecanismo adoita xirar ou sobre a que xira ese mecanismo, e que ao mesmo tempo soporta esforzos, principalmente de flexión e eventualmente de torsión.

      Ex: Rompeu o eixe do batedor.

      Sinónimos: eixo.
    2. s m

      Peza cilíndrica que vai colocada transversalmente debaixo dun vehículo, sobre a que van xirando as rodas ou calquera outra peza xiratoria, e que une as dúas rodas opostas, de xeito que cada un dos seus extremos entra no buxeiro do lado correspondente.

      Ex: Engraxaron o eixe do carro.

      Sinónimos: eixo.
    3. s m

      Conxunto das rodas dun vehículo e da peza transversal que as une, que soporta, na dirección lonxitudinal do vehículo, unha parte da carga para transmitila ao firme. Denomínase eixe simple aquel que está suficientemente separado lonxitudinalmente dos outros eixes, por soportar el só a súa parte da carga, eixe tándem o conxunto de dous eixes simples que constitúen un só soporte do chasis, e eixe triple o conxunto de tres eixes que constitúen un só soporte do chasis.

      Sinónimos: eixo.
    4. eixe equivalente

      Carga que o eixe dun vehículo transmite ao firme dunha estrada, calculada tomando como unidade o efecto da carga dun eixe tipo.

    5. eixe libre

      Eixe que non recibe esforzo de tracción senón que serve só para soportar o peso da locomotora e/ou do vagón.

    6. eixe montado

      Eixe unido mecanicamente ao eixe motor mediante bielas de encaixe ou engrenaxes, propio das locomotoras e vagóns de ferrocarril. Esta unión fai que vaian sincronizados ambos os dous eixes e así aumente a forza de adherencia.

    7. eixe motor

      Eixe que recibe directamente o impulso motor ou de tracción das locomotoras. É, xa que logo, o eixe que leva as rodas motoras.

    8. eixe tipo

      Eixe que transmite a un firme a unidade de medida das cargas que ha de soportar. Adóitase tomar como valor o eixe simple de carga máxima autorizada.

    1. s m

      Recta ou liña imaxinaria sobre a que xira un corpo ou se desenvolve un sistema.

      Sinónimos: eixo.
    2. s m [BIOL]

      Liña ideal dun órgano ou doutra estrutura anatómica, arredor da que se dispoñen as súas partes constitutivas.

    3. s m [ZOOL]

      Liña que parte do ápice dun gasterópodo, ao redor da que xira a espiral da cuncha.

      Sinónimos: eixo.
    4. s m [ASTRON]

      Liña imaxinaria, trazada a través dos polos dun corpo celeste, ao redor da que xira ese corpo.

    5. eixe da Terra [ASTRON]

      Diámetro que une os dous polos da Terra.

    6. eixe de rotación [FÍS]

      Recta arredor da que xiran todos os puntos dun corpo ou sistema.

    7. eixe de simetría [MAT]

      Recta ao redor da que as partes dun corpo ou sistema posúen simetría.

    8. eixe de simetría [FÍS]

      Recta que, tomada como eixe de rotación, fai que a posición do cristal se repita dúas ou máis veces nunha volta. O eixe é de orde n cando a posición se repite n veces.

    9. eixe do mundo [ASTRON]

      Calquera recta paralela ao eixe da Terra, que fai posible que calquera observador sobre a superficie terrestre vexa como o ceo estelar parece xirar arredor do eixo do mundo que pasa polo seu lugar de observación.

    10. eixe dunha lente [FÍS]

      Recta que pasa polos centros de curvatura das superficies que forman unha lente.

    11. eixe maior [MAT]

      Segmento determinado por unha elipse e a recta que pasa polos seus focos. A recta que o contén é eixe de simetría da elipse.

    12. eixe menor [MAT]

      Segmento determinado por unha elipse e a mediatriz do segmento que pasa polos seus focos. A recta que o contén é eixe de simetría da elipse.

    13. eixe óptico [FÍS]

      Dirección na que un material anisótropo se comporta como se fose isótropo. É, polo tanto, a dirección de monorrefrinxencia nun cristal birrefrinxente.

    1. s m

      Recta ou rectas, ás que fan referencia algunha ou algunhas magnitudes para, entre outras cousas, fixar posicións ou facer medicións de figuras, forzas, momentos, etc.

      Sinónimos: eixo.
    2. s m [MAT]

      Calquera recta orientada, isto é, recta sobre a que se fixou un sentido arbitrario.

      Sinónimos: eixo.
    3. s m [CONSTR]

      Liña que define a posición espacial da infraestrutura nas obras de carácter lineal como ferrocarrís, estradas ou canais, a partir da que se pode obter a posición xeométrica de calquera punto.

      Sinónimos: eixo.
    4. eixe aerodinámico [AERON]

      Cada un dos tres eixes coordenados que forman un sistema ortogonal de referencia, fixo respecto ao vento relativo instantáneo, con orixe no centro de gravidade da aeronave ou no punto escollido para referir os movementos das forzas.

    5. eixe cristalográfico [FÍS]

      Cada un dos tres eixes ortogonais de coordenadas que se escollen para determinar as caras dos cristais.

    6. eixe de coordenadas [MAT]

      Cada un dos tres eixes que permiten determinar un punto no espazo e que están determinados polo seu versor fundamental.

    7. eixe dun dobramento [XEOL]

      Liña na que un estrato dobrado ten curvatura máxima.

    8. eixe dunha aeronave [AERON]

      Aplícase a cada un dos tres eixes coordenados que forman un sistema ortogonal de referencia, fixo respecto á aeronave, con orixe no centro de gravidade desta, e ao que se refiren as características aerodinámicas.

    9. eixe orográfico/axial [XEOG]

      Parte central dunha cadea montañosa.

    10. eixe tectónico [XEOL]

      Cada un dos tres eixes perpendiculares entre si, que corresponden á orientación e magnitude da dirección dos esforzos ou á deformación que sufriu un material. Definen a elipsoide de deformación.

  2. s m

    Persoa, cousa ou circunstancia que forma a parte principal dun conxunto, como o centro arredor do que se moven, actúan ou se acadan os outros elementos.

    Ex: O eixe do problema estaba na súa falta de vontade para negociar. A morte era un dos eixes temáticos da novela. A nai era o eixe da familia.

    Sinónimos: eixo. Confrontacións: centro, núcleo.
  3. eixe psicolóxico [COMUN]

    Eixe que determina os diferentes mecanismos de comportamento dos consumidores, sobre os que a mensaxe actúa para acadar os obxectivos marcados polo anunciante. Trátase da parte fundamental da mensaxe publicitaria.

Frases feitas

  • Estar entre o eixe e a roda. Estar nunha situación comprometida.

  • Untar o eixe. Facer regalos ou dádivas para amañar algún asunto ou conseguir un favor.

  • Partir a un polo eixe. Estragarlle a alguén os seus plans ou causarlle gran dano.