ensino
(< ensinar)
-
s
m
Profesión que consiste en ensinar.
Sinónimos: ensinanza. -
s
m
Conxunto de materias que se ensinan.
Sinónimos: ensinanza. -
[EDUC]
-
s
m
Sistema e método de educar e instruír. Como tal é sinónimo de educación (ou ensinanza) e instrución. A actividade de ensinar, que ten na pedagoxía a expresión máis coidada e metódica, desenvólvese ampla e metodicamente nas institucións escolares. As diversas etapas de formación intelectual do individuo cristalizaron no s XX en tres graos de ensino (primario, secundario e superior) e nalgunhas modalidades que gozan de recoñecemento internacional. En España o sistema educativo vixente está determinado pola Lei Orgánica 1/1990 de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), aínda que está en marcha un proceso de modificación (2002). A LOXSE contempla un sistema educativo integrado por Ensino de Réxime Xeral e Ensino de Réxime Especial. No primeiro inclúese o ensino infantil, primario, secundario (obrigatorio e non obrigatorio), formación profesional específica de grao superior e universitario. No segundo, o ensino artístico (seccións de música e danza, arte dramática, e artes plásticas e deseño) e o ensino de idiomas. Tamén se recolle a Educación das Persoas Adultas (EPA). A primeira etapa educativa, o Ensino Infantil/Educación Infantil , non obrigatorio, abrangue dous ciclos: o primeiro, desde o nacemento ata os 3 anos, e o segundo, desde os 3 aos 6 anos. Os seus obxectivos son: contribuír ao desenvolvemento de diferentes capacidades do neno, como o coñecemento do seu corpo e as súas posibilidades de acción; relacionarse cos demais a través das distintas formas de expresión e comunicación; observar e explorar o seu contorno familiar, natural e social; e acadar unha progresiva autonomía nas súas actividades habituais. Con este fin, os contidos educativos organízanse ao redor de tres áreas de coñecemento: identidade e autonomía persoal, descubrimento do medio físico e social, e comunicación e representación. A metodoloxía didáctica debe basearse na experiencia e na actividade lúdica e espontánea. As ratio profesor/alumno establécense sobre todo atendendo ás características psicolóxicas dos nenos: entre 1 e 8 nenos nos menores dun ano e entre 1 e 25 nenos para as idades comprendidas entre 3 e 6 anos. A seguinte etapa, o Ensino Primario/Educación Primaria , ten carácter obrigatorio e abrangue desde os 6 ata os 12 anos. Configúrase en tres ciclos de dous cursos cada un e comprende a formación no campo das materias instrumentais (lectura, escritura, cálculo), a aprendizaxe das dimensións que estruturan a área socionatural, a educación artística, a iniciación nos idiomas estranxeiros e a educación axiolóxica. A finalidade desta etapa é proporcionar unha educación común que favoreza a adquisición destes elementos básicos culturais e a progresiva autonomía por parte de todos os individuos. Os contidos básicos das ensinanzas mínimas non superarán o 55% do horario escolar nas comunidades autónomas con lingua propia, nin o 65% nas restantes. A metodoloxía didáctica adaptarase aos distintos ritmos de aprendizaxe dos alumnos e orientarase ao desenvolvemento xeral deste, integrando as súas diferentes experiencias e aprendizaxes. A avaliación será continua e global. A ratio profesor/alumno está fixada en 25, polo que debe existir polo menos un mestre por grupo, e tamén mestres especialistas en música, educación física e idiomas. A continuación cúrsase o Ensino Secundario/Educación Secundaria que abrangue o Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) e mais o Ensino Secundario non Obrigatorio (ESNO) . A ESO completa, dalgunha maneira, o ensino primario e abrangue catro cursos académicos (dos 12 aos 16 anos). Na maioría dos países occidentais este momento educativo enténdese como unha etapa intermedia entre o ensino primario e o ESNO. A súa finalidade pasa por tentar transmitir a todos os alumnos os elementos básicos da cultura, formalos para asumir e recoñecer os seus deberes e exercer os seus dereitos, ao tempo que se preparan para incorporarse á vida activa, para acceder á formación profesional específica de grao medio -recoñecida coa denominación de módulos profesionais- ou ao bacharelato. Esta etapa educativa, a primeira das que conforman o ensino secundario, esixe unha ordenación curricular integradora que sexa quen de mellorar a calidade do ensino en xeral e, asemade, de atender a diversidade de alumnos que nela van confluír, mediante unha organización flexible e uns recursos materiais e humanos axeitados ás circunstancias e características tanto dos alumnos como do medio onde estes se desenvolven. De aí a necesidade de adaptar a metodoloxía a cada alumno, tentando favorecer e mellorar a súa capacidade para aprender por si mesmo e para traballar en equipo. Tamén se iniciará no coñecemento da realidade de acordo cos principios básicos do método científico. Neste sentido a organización da docencia nesta etapa educativa atenderá especificamente a pluralidade de necesidades, aptitudes e intereses do alumnado. Para iso, ademais das áreas propias de cada nivel, o currículo completarase con materias optativas que irán gañando presenza ao longo da etapa. O mesmo que no ensino primario a avaliación será continua e integradora. Os alumnos que rematen a etapa e acaden os obxectivos da mesma reciben o título de Graduado en Ensino Secundario, título único que os faculta para acceder ao bacharelato ou á formación profesional específica de grao medio. Os contidos do ensino secundario están sometidos a frecuentes revisións; curricularmente, mantense o debate aberto entre as fórmulas comprensivas e as de especialización, sen deixar de lado as discrepancias sobre os modelos de sociedade e as distintas orientacións políticas auspiciadas polo neoliberalismo e a socialdemocracia. Ao rematar a ESO (16 anos) conclúese o período de estudios básicos e obrigatorios e pódese acceder ao ESNO. Este inclúe dous cursos académicos (dos 16 aos 18 anos) de bacharelato ou de formación profesional específica de grao medio. Antes da promulgación da LOXSE estaba en vixencia a Lei Xeral de Educación (LXE, 1970) que concibía un sistema educativo dividido en catro niveis: ensino preescolar (non obrigatorio), ensino xeral básico (EXB, obrigatorio), bacharelato e ensino universitario (quedaba excluído como nivel educativo a formación profesional). Dentro do capítulo Outros Ensinos recollía a Educación Permanente de Adultos (EPA), as Ensinanzas Especializadas (idiomas, cerámica, criminoloxía, etc) e a Educación Especial. O Ensino Preescolar comprendía dúas etapas: unha, dos 2 aos 4 anos, que se realizaba no xardín de infancia, e a segunda, dos 4 aos 6 anos, na escola de párvulos. Coa chegada dos Programas Renovados (1981), a especificidade deste segundo nivel desdebuxouse e confundiuse co ciclo inicial de EXB. Despois pasábase ao Ensino Xeral Básico (EXB) , de 6 a 13 anos, orixinariamente dividido en dúas etapas (de 6 a 11 anos e de 11 a 14 anos). En 1981 estruturouse en tres ciclos: inicial (dous anos), medio (tres anos) e superior (tres anos). Ao rematar estes tres niveis, o alumno obtiña o título de Graduado Escolar ou o Certificado de Escolaridade (se non conseguía superar todos os ciclos); o primeiro ofrecíalle a posibilidade de cursar bacharelato ou formación profesional e o segundo só lle permitía o acceso a esta última. Despois de cursar o ESNO accédese ao Ensino Superior/Educación Superior , nivel educativo en que hai que distinguir entre a Universidade e outras institucións que outorgan cualificacións profesionais; aínda que en España a Lei de Reforma Universitaria (LRU, 1983) establecía que a Universidade era a institución que prestaba o servizo público de educación superior, as disposicións da LOXSE (1990) introducen a formación profesional de grao superior, feito que permite distinguir un sector de educación superior non universitaria. O Ensino Universitario/Educación Universitaria refírese ao conxunto de estudios que teñen como finalidade proporcionar unha sólida formación científica e cultural, así como unha formación técnica que habilite para o exercicio de actividades profesionais e culturais, e fomente o desenvolvemento das capacidades de concepción, innovación e análise crítica. En 2001 aprobouse a Lei de Ordenación Universitaria (LOU) que modificou en varios aspectos a anterior (LRU, 1983). Os estudios universitarios poden ser de primeiro, segundo e terceiro ciclo, que conducen respectivamente á diplomatura, licenciatura e doutoramento. Os centros universitarios máis comúns son as escolas universitarias, as facultades e os institutos universitarios, ordenados en Galicia segundo a Lei de Ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUGA, 1987).
-
ensino a distancia
Ensino en que profesor e alumno realizan as súas tarefas en lugares distintos e que ten como obxectivo a transmisión de coñecementos e capacidades formativas, mediante un conxunto de métodos, técnicas e medios propios, entre os que cómpre destacar os materiais multimedia e a correspondencia, segundo principios de autoaprendizaxe. En España desenvólvese sobre todo a través da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) e de centros como os creados en Galicia desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o ensino primario (Centro Galego de Educación Básica a Distancia, CEGEBAD) e secundario (Instituto Galego de Bacharelato a Distancia, INGABAD).
-
ensino aberto [ingl: open education]
Ensino que pretende darlle a oportunidade ao alumno de adquirir capacidades para a vida nunha sociedade aberta, mediante unha aprendizaxe autónoma e cooperativa, activa e orientada á resolución de problemas.
-
ensino activo
Ensino que se fundamenta na participación activa do alumno no proceso de aprendizaxe. Desde unha perspectiva construtivista a actividade do alumno ha de manifestarse esencialmente na elaboración dos procesos intelectuais relacionados coa aprendizaxe.
-
ensino artístico
Ensino que, xunto co ensino de idiomas, forma parte do Ensino de Réxime Especial. Ten como finalidade proporcionarlles aos alumnos unha formación artística de calidade e garantir a cualificación de futuros profesionais da música, da danza, da arte dramática, das artes plásticas e do deseño. Debe cualificar os alumnos para reflexionar criticamente sobre os feitos estéticos do presente e do pasado, tanto na súa importancia individual como social. O Ensino de Artes Plásticas e Deseño estrutúrase dun xeito similar á formación profesional específica e comprende un conxunto de ciclos formativos, organizados en módulos profesionais cunha formación teórico-práctica e cunha duración variable segundo a natureza da competencia profesional característica do título correspondente. En 2002, na Comunidade Autónoma de Galicia, poden cursarse ciclos formativos de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño e estudios superiores de conservación e restauración de bens culturais. Os distintos ciclos formativos desta modalidade de ensino cúrsanse en escolas de arte ou en centros autorizados de artes plásticas e deseño. O Ensino de Música e Danza pode ser de dous tipos: regulado e non regulado. O primeiro estúdiase nos conservatorios de música (centros públicos de grao elemental, profesional ou superior) ou en centros autorizados de música (centros privados adscritos a un centro público); o segundo, en escolas de música (centro público ou privado, sen expedición de títulos con validez académica ou profesional). Estes estudios divídense en tres graos: o elemental, de catro cursos académicos; o medio, de tres ciclos de dous anos cada un; e o superior, dun ciclo de catro cursos de duración.
-
ensino con axuda do ordenador/asistido por ordenador [EAO; Computer-Aided Instruction, CAI]
Ensino en que se usa o ordenador para facilitar certos procesos de aprendizaxe, completando e, en parte, substituíndo a acción do mestre, por medio dun esquema evolutivo e flexible de preguntas e respostas e dunha comunicación de tipo conversacional co alumno.
-
ensino de idiomas
Ensino que se dá nas escolas oficiais de idiomas e que se organiza en dous niveis: o primeiro, ao que se accede co título de Graduado Escolar, co 1º ciclo da ESO aprobado ou co Certificado de Escolaridade, dura 5 cursos, divididos en 2 ciclos (o primeiro dura 3 cursos ou 360 horas e o segundo, 2 cursos ou 240 horas); o obxectivo é lograr a comprensión e expresión oral da lingua escollida. O segundo nivel ten como obxectivo preparar profesionais da tradución, interpretación ou similares.
-
ensino de réxime especial
Ensino que, segundo a Lei Orgánica 1/1990 (LOXSE), comprende o ensino artístico e o ensino de idiomas.
-
ensino de réxime xeral
Ensino que, segundo a Lei Orgánica 1/1990 (LOXSE), está constituído polas etapas de ensino infantil, ensino primario, ensino secundario (que comprende o ensino secundario obrigatorio, ESO, o bacharelato e a formación profesional de grao medio), formación profesional de grao superior e ensino universitario.
-
ensino diversificado
Ensino que pretende responder ás diferencias individuais dos alumnos, é dicir, á diversidade de intereses, motivacións e necesidades educativas de cada un deles. Dentro do marco do ensino obrigatorio, e especialmente na ESO, recoñécese como un dos puntos principais a atención á diversidade e sustenta o seu modelo educativo no ensino comprensivo e personalizado que debe garantir unha formación básica común accesible a todos os cidadáns. Para facer fronte a esta diversidade debe presentarse un currículo aberto e flexible que ha de ir concretándose en diferentes instancias (comunidades autónomas, centro escolar e aula) para axustar mellor a oferta educativa ás características do alumno. O currículo, baseado nunha concepción construtivista da aprendizaxe, recoñece a necesidade de partir do nivel de desenvolvemento do alumnado e dos seus coñecementos previos, asegurando así a construción de aprendizaxes significativas. Outra vía xeral de atención á diversidade é a incorporación da optatividade que lles permite aos alumnos desenvolver as capacidades dos obxectivos xerais de etapa, seguindo itinerarios parcialmente diferentes. Mediante a optatividade, o alumno pode escoller as materias que se adapten mellor ás súas propias expectativas ou preferencias, favorecendo ademais a autonomía persoal na toma de decisións e a autoorientación. A atención á diversidade tamén se debe manifestar no Proxecto Educativo (PE) e no Proxecto Curricular de Etapa (PCE). O PE debe explicitar os propios sinais de identidade ao definir as súas finalidades e ao adaptar os obxectivos xerais ás características do alumnado e ao centro. Mentres o PCE debe recoller a oferta de optativas proposta por cada centro, atendendo sempre á diversidade do seu alumnado e ao plan de orientación e titoría de cada centro; isto permite personalizar o proceso de aprendizaxe e incluír programas de diversificación curricular, dirixidos aos alumnos que non acadan os obxectivos de etapa a través do currículo ordinario e aos centros que integran alumnos con necesidades educativas especiais. Esta atención tampouco se debe esquecer durante o proceso de elaboración das programacións das áreas e materias e, se cómpre, deben propoñerse medidas específicas, dirixidas a un alumno en particular ou a un grupo de alumnos que requiran unha programación de aula diferenciada. Fóra da ESO cómpre mencionar os programas de garantía social que tamén se deben adaptar ás características e expectativas dos mozos que o vaian cursar.
-
ensino eclesiástico
Ensino estruturado para a formación daquelas persoas destinadas a funcións ministeriais dentro da Igrexa, dos monxes e relixiosos ou daqueles que, en xeral, cursen estudios teolóxicos ou afíns.
-
ensino en grupo
Ensino en que os alumnos dunha clase se dividen durante un período limitado de tempo en pequenos grupos para traballar unha determinada unidade temática.
-
ensino individualizado
Ensino que se adapta ás diferencias individuais dos alumnos, permitindo así desenvolver as súas capacidades o máis optimamente posible. Os primeiros intentos de poñer en práctica esta metodoloxía corresponden ao plan Dalton (1904) e ao sistema Winnetka (1919).
-
ensino interdisciplinar
Ensino que se contrapón a unha didáctica estritamente disciplinaria e especializada ao mostrar as conexións existentes entre distintos campos científicos e saberes e poder así formular as distintas unidades didácticas de aprendizaxe.
-
ensino mutuo/monitorial
Ensino que, segundo os seus creadores, Joseph Lancaster e Andrew Bell, consiste en que os alumnos máis adiantados, os decurións, actúen como instrutores-monitores dos demais, baixo a supervisión dun profesor. Esta nova técnica pedagóxica, de comezos do s XIX, ofreceu a posibilidade de liberar de traballo o profesor, ao non se ter que ocupar de tantos alumnos, e ademais paliaba o problema da escaseza de profesores e da imposibilidade de atender a tantos alumnos.
-
ensino normal
Ensino que se ofrecía nas escolas normais para a formación de profesorado de ensino primario.
-
ensino programado
Ensino que bota man dunha metodoloxía didáctica baseada no uso de fichas e de instrumentos técnico-didácticos coa pretensión de acadar a individualización do ensino a través da repetición no proceso de aprendizaxe. Esta modalidade de ensino conduce o suxeito cara a un obxectivo de conduta ben definido, a través de pequenos pasos preestablecidos.
-
ensino proxecto
Ensino que se basea no uso de proxectos e que se presenta como alternativa á aprendizaxe sistemática e organizada en cursos e materias, e centrada, sobre todo, no profesor e nos libros de texto por materias. A fundamentación teórica realizárona inicialmente J. Dewey e W. H. Kilpatrick. O punto de partida para os proxectos son, polo xeral, motivos situacionais e problemáticas concretas da realidade vital dos alumnos, que deben ser abordadas de modo concreto a través de proxectos planificados e executados mediante unha acción común de profesores e alumnos ou mediante procesos de aprendizaxe e de traballo interdisciplinares e integradores, conectándose entre si os rendementos cognitivos, sociais, afectivos e motores, para finalmente someter a proba diversas aplicacións prácticas e solucións de problemas.
-
ensino teatral
Conxunto de ensinanzas e de disciplinas que pretenden a aprendizaxe teatral desde unha perspectiva educativa integral e globalizadora ou desde unha perspectiva profesional. Adóitase distinguir entre o ensino de carácter xeral, que ten lugar nas etapas do ensino preuniversitario, de ensino infantil a bacharelato, e o ensino teatral especializado, orientado á formación de actores, directores, escenógrafos, dramaturgos ou especialistas en estudios teatrais. Así, vanse conformando grandes áreas como a expresión dramática e a expresión teatral, que se desenvolven curricularmente entre o ensino infantil e o bacharelato, os estudios de arte dramática, que se imparten nas escolas superiores de arte dramática, e os estudios de fomación profesional. O amplo campo das ensinanzas teatrais constitúe o obxecto de estudo e investigación da pedagoxía teatral, a ciencia que se ocupa da educación teatral. En Galicia, o ensino teatral a penas está desenvolvido, sexa no ámbito do ensino regulado, sexa no campo do non regulado. Así, mentres nalgúns centros de ensino secundario se dá unha materia básica de introdución á arte dramática, tamén en diversos concellos existen escolas municipais de teatro, que ofrecen unha formación igualmente básica e dirixida a moi diversos beneficiarios, moi similar á que se promove desde as aulas de teatro das universidades galegas. Apareceron diversas iniciativas privadas de formación teatral non regulada como CasaHamlet (A Coruña), La Artística (Vigo), Espacio Aberto (Santiago de Compostela) ou o Estudio de Artes Escénicas (Ourense), que ofrecen cursos, seminarios e obradoiros de aprendizaxe de técnicas básicas de interpretación ou cursos de preparación para realizar a proba de ingreso nas escolas superiores de arte dramática.
-
ensino técnico e profesional
Ensino que se dá nas escolas técnicas dependentes das universidades (escolas de arquitectura, de enxeñería, etc). Os precedentes destes centros de ensino remóntanse ao s XVIII, coa expansión industrial occidental. As escolas técnicas adoitan estar agrupadas e constitúen as universidades politécnicas.
-
s
m
-
s
m
[ARTE]
Comunicación do coñecemento da arte. As antigas academias gregas, as escolas romanas, as universidades medievais e os cenáculos renacentistas ensinaron as artes liberais, isto é, aqueles saberes que permiten estruturar e organizar o conxunto de coñecementos propios dos homes libres: os gramaticais (gramática, lóxica, retórica) e os científicos (aritmética, xeometría, astronomía e música). As artes manuais considerábanse artesanais e o seu ensino dependía exclusivamente dos talleres dos grandes mestres en Grecia, dos collegii en Roma e das confrarías e os gremios da Idade Media e mesmo do Renacemento. Neste último período, sen embargo, houbo familias nobres, sobre todo en Florencia, que acollían os artistas para instruílos e relacionalos cos filósofos da época. As academias antigas, como a platónica de Atenas e a alexandrina, influíron nas escolas artísticas medievais, pero nin unhas nin outras tiveron unha docencia artística específica. Da antiga Grecia, onde a arte monumental estaba dedicada exclusivamente, ata a época máis tardía, aos deuses, cómpre destacar as escolas de Naxos, Magnesia, Atenas, Argos e Aixina, que tiñan sistemas de ensino e docencia secretos, igual ca nas escolas tardías de Roma e Etruria. En Roma, non obstante, os artesáns agrupábanse no correspondente collegium, e iniciouse a docencia das artes. O tratado De architectura de Marco Vitrubio Polio, compendio das ordes gregas e romanas, foi o punto de partida das escolas artísticas da Alta Idade Media, entre outras, da escola de Carlomagno en Aquisgrán, e, na época renacentista, dos tratados de L. Battista Alberti (De re aedificatoria, Della Pittura, Della Statua), Sebastiano Serlio (L’architectura) e Andrea Palladio (Libri dell’achitectura). Durante o románico, o ensino das belas artes transmitiuse mediante grupos ambulantes de obreiros e artistas, como o dos lombardos que percorreron o norte de Italia, o sur de Francia e Catalunya, e introduciron o estilo románico lombardo. Na Idade Media, este ensino, como o doutros oficios, realizouse a través de confrarías e, despois, dos gremios que reuniron os artesáns e a través dos que un aprendiz facía unha longa aprendizaxe na casa dun mestre inscrito nos rexistros do gremio, convivía con el e servíao, e acadaba o grao de oficial despois dun exame oficial, de acordo coas ordenacións gremiais. Nos ss XVII e XVIII creáronse as academias oficiais (aínda que a máis antiga é a Accademia del Disegno de Florencia, 1563), rectoras do gusto artístico e monopolizadoras do ensino de belas artes. En 1744 naceu en Madrid a Academia de las Nobles Artes de San Fernando, denominada dende 1873 Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, e en 1849 naceu a Academia Provincial de Bellas Artes na Coruña, que despois recibiu o nome de Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario. Con estas institucións o ensino codificouse e foi obxecto de publicacións; as cátedras, escolas, profesores e programas correspondentes contribuíron á difusión do clasicismo artístico.
-
s
m
[MÚS]
Comunicación dos coñecementos e das técnicas musicais. Na Antigüidade, os gregos daban unha grande importancia ao ensino da música. O uso da música na liturxia fíxoa necesaria na vida relixiosa medieval, e os mosteiros chegaron a ser centros de formación musical. As universidades medievais incluíron a música nas artes liberais do cuadrivio (quadrivium). Desde mediados do s XV, o ensino musical difundiuse sobre todo a través dos conservatorios. A partir da Idade Media vinculouse á escola de canto das catedrais e ás escolanías das principais igrexas e mosteiros. A parte musical teórica era unha das artes liberais. Cara a finais do s XV, a música profana transmitíase directamente de mestre a discípulo e así formábanse os instrumentistas e os cantantes profesionais e recibían educación musical os nobres e os ricos. Na Galicia do Barroco destacou a importante formación musical (canto e instrumental) que se acadaba nas catedrais, sobre todo na de Santiago de Compostela, que chegou a contar na segunda metade do s XVIII cunha Escola de Música. Cara a mediados do s XIX fundáronse os conservatorios, privados e municipais, que completaron o ensino que antes daban as escolanías e as capelas musicais. O ensino privado desenvolveuse ao longo do s XX grazas ás academias privadas.
Refráns
- A un cego mal se lle pode ensinar o camiño.
- Ninguén naceu ensinado.