eólico -ca
(< lat Aeolĭcu, de Aeŏlu ‘Eolo’)
-
adx
Relativo ou pertencente a Eolo, deus do vento.
-
adx
[XEOG]
Aplícase aos procesos de erosión e depósito nos que o axente é o vento. A acción erosiva que produce o vento débese ás partículas que transporta en suspensión. Se as partículas finas proveñen do solo, o proceso chámase deflación. A corrasión é a acción producida por estas partículas sobre as rochas. As partículas deposítanse cando o vento diminúe e deste xeito fórmanse as dunas, os ergs e a acumulación de loes.
-
adx
[TECNOL]
Aplícase á máquina ou mecanismo que se move pola forza do vento.
-
adx
[MÚS]
Aplícase aos instrumentos, especialmente á arpa, que posúen unhas cordas que pode mover o vento.
-
enerxía eólica
[TECNOL]
Enerxía do vento que se transforma en traballo ou electricidade, utilizando un aeroxerador. É unha das fontes de enerxía máis antiga explotada polo home. Os persas xa utilizaban os muíños de eixe vertical, 200 anos a C, para mover as moas de pedra que empregaban á súa vez para moer o trigo. En Inglaterra, a partir do s XVI, utilizaron muíños de vento para mover máquinas industriais, ata a chegada da máquina de vapor. Os Países Baixos servíronse destes muíños, ata principios do s XX, para drenar os terreos gañados ao mar. Ata que chegaron as redes mecánicas e os xeradores Diesel, o muíño de vento foi o que máis se utilizou na agricultura para bombear auga dos pozos. As rexións costeiras e as grandes chairas onde sopran os ventos con regularidade, son as zonas máis favorables para a instalación dos muíños. Nos chamados parques eólicos alcánzanse potencias eólicas importantes coa conexión de pequenos aeroxeradores agrupados, e isto permite producir, con aparatos de pequena potencia, grandes cantidades de enerxía.