Eros
Deus do amor na mitoloxía grega, equivalente ao romano Cupido. Nas teogonías máis antigas considerábase como unha das forzas primixenias da natureza, nado directamente do Caos, e como orixe do mundo, xunto á Terra e ao Tártaro; segundo outras, trataríase do fillo do ovo orixinal, enxendrado pola Noite (Hesíodo), que, ao separarse do ovo, forma o Ceo e a Terra; tamén hai quen o considera fillo de Cronos (orfismo) ou de Xea e Urano (Safo). Como encarnación da harmonía e do poder creativo no Universo, asegura a continudade das especies e a cohesión do cosmos. No Banquete de Platón figura como xenio enxeñoso e inquedo intermediario entre deuses e homes, nado da unión de Poros (Recurso) e Penía (Pobreza). Seguidamente, sen embargo, considerouse como un fermoso e apaixonado mozo, xunto con Poto o Hímero (‘o Desexo’). A mitoloxía posterior, sobre todo a helenística e romana, fixo del o permanente acompañante da súa nai Afrodita, deusa do amor. Pouco a pouco, baixo o influxo de poetas e artistas -Fidias, Lisipo, Escopas e Praxíteles-, foi adquirindo a fisonomía tradicional que o caracteriza. Na arte grega aparece como un fermoso mociño, con frecuencia alado, e a miúdo cos ollos vendados como símbolo da cegueira do amor. Ás veces leva unha flor, pero o máis común é que sosteña nas mans un arco de prata para lanzar setas de paixón no peito de deuses e homes ou un facho co que acender os ardentes corazóns dos namorados. Na lenda e arte romanas, converteuse nun pillabán representado a miúdo como arqueiro. Desde a época helenística e durante a romana adoita aparecer xogando, recollendo acios, etc, e tamén son comúns as representacións que o relacionan coa idea de morte (vinculada ao mito de Eros e Psique); entre elas cómpre destacar Eros e Psique, no Museo Capitolino de Roma, copia romana dun orixinal helenístico, e Eros Farnesio e Eros centocelle, dependentes de Eros de Tespias que Praxíteles regalou a Frine.