escolaridade

escolaridade

(

s f [EDUC]

Secuencia do sistema escolar ou conxunto de cursos que debe seguir, durante un mínimo de tempo establecido, un escolar nun establecemento docente. Tamén se pode referir ao período de vida en que se pertence legalmente, dun xeito sistemático e organizado, a unha institución escolar. En esencia, o concepto fai referencia á escola, pero pode facerse extensivo a calquera outra entidade de natureza educativa á que se asiste de xeito habitual e organizado diante dun espazo temporal determinado. Os estados democráticos modernos declaran obrigatoria para todos unha educación de carácter básico; deste xeito preténdese proporcionarlle ao conxunto da cidadanía unha formación que os capacite, cando menos, para desenvolver sen atrancos unha tarefa útil para si mesmos e para a sociedade á que pertencen. O período de ensino obrigatorio, e polo tanto de escolaridade, varía duns países a outros; polo xeral vai dos 6 e aos 16 anos. As variacións que se observan entre uns e outros estados e que determinan unha maior ou menor duración do período obrigatorio de ensino, sempre están en relación coa variable do desenvolvemento económico; de aí que estea a sufrir continuos aumentos, máis evidente nos países en vías de desenvolvemento. Nos países máis adiantados a tendencia vai cara a ampliar o tempo de escolaridade, tanto adiantando a idade de incorporación ao sistema educativo -deste xeito convértese en obrigatoria a educación infantil, de 0 a 6 anos-, como atrasando a saída do sistema, mesmo ata os 18 anos.