Escolas do Insiño Galego
Escolas fundadas pola Irmandade da Fala da Coruña, en xullo de 1923, baixo o pulo do editor galeguista Ánxel Casal Gosenxe, que tiñan como obxectivo traballar a prol da galeguización do ensino. Non obstante , e nunha aparente contradición, as súas bases, publicadas en A Nosa Terra, estipulaban que o ensino destas escolas, de carácter privado, faríase en castelán; na práctica, segundo os testemuños de Xenaro Mariñas del Valle e doutros ex-alumnos, a lingua empregada na maioría das clases era o galego. A finais de 1923 A Nosa Terra informaba de que o proxecto continuaba, feito que significa que se acolleran ao dereito que recoñecía a Real Orde (1923), promulgada polo goberno de Primo de Rivera, de poder ensinar os dialectos ou linguas rexionais no ensino privado e particular, pero non nos establecementos docentes oficiais. En maio de 1924 comezaron a súa andaina educativa con vinte rapaces e nos anos en que funcionou, ata 1930, pasaron por ela uns cen alumnos, sempre ao coidado docente de A. Casal; diversos galeguistas da cidade, e outros como Otero Pedrayo e Camilo Díaz, mantiñan contactos regulares con ela. Houbo tamén a intención, non lograda, de abrir unha escola de nenas que sería atendida pola mestra Elvira Bao.