escolástica
(< lat scholastĭca)
Movemento filosófico e teolóxico medieval que utilizou a razón e a lóxica dedutiva, segundo os principios sinalados por Aristóteles no seu organon e a metodoloxía siloxística, para comprender o contido da revelación cristiá. O seu último ideal foi integrar nun mesmo sistema a filosofía grega e romana e a filosofía cristiá ao servizo da teoloxía. Os escolásticos crían que razón e fe podían conxeniar e que o propio Deus era a fonte de ambas as dúas formas de coñecemento, de tal xeito que a contradición entre ambas era imposible, en contra do que pensaba o filósofo musulmán Averroes. Algúns escolásticos, como san Tomé de Aquino, mantiveron que, no caso de existir contradición, o erro sería sempre da razón e nunca da fe, dado que esta é a formulación máis perfecta do coñecemento. Neste movemento, a autoridade filosófica fundamental era Aristóteles, a quen seguiron todos os filósofos escolásticos, agás no relativo ás teorías sobre a mortalidade da alma e a eternidade do mundo. O seu método de traballo baseábase no estudo dos textos de referencia e o posterior debate público dos escritos. Divídese en tres períodos: unha primeira etapa (ss IX-XII), moi influenciada polo neoplatonismo, na que destacaron, entre outros, John Duns Escoto Erigena e Anselmo de Canterbury; a escolástica clásica (ss XIII-XV), na que dominou o aristotelismo cristián e destacaron, entre outros filósofos e teólogos, san Tomé de Aquino, John Duns Escoto, santo Alberte o Magno ou o galego Gonzalo Balboa, mestre de Duns Escoto e autor de textos metafísicos; e a escolástica tardía (ss XV-XVI), caracterizada polo enfrontamento entre os teólogos católicos, como Francisco Suárez e Tommaso de Vio, e os protestantes, como Philipp Melanchton. No s XIX iniciouse o movemento neoescolástico que agrupou as diferentes escolas dentro da filosofía católica. Tamén se denomina escolasticismo.