escolarización
(< escolarizar)
Situación en que se encontra un Estado en relación ao número de nenos en idade escolar e aos postos educativos de que dispón. Son moitos os factores que condicionan a demanda de educación e que repercuten directamente no proceso de escolarización. Así, o factor demográfico implica unha inmediata explosión escolar, aínda que esta depende moito do factor económico. Moitos países defenden que a educación é o mellor medio para consolidar e defender unha sociedade democrática. De aí que nos países máis adiantados a demanda social de educación medre constantemente porque as xeracións máis vellas tentan proporcionarlles ás máis novas unha formación superior á que eles tiveron coa idea de que a educación é un investimento primordial para o futuro. A taxa ou índice de escolarización determina a relación existente entre a poboación escolarizada e a escolarizable. Pode falarse logo de taxas ou índices altos, baixos ou deficientes. Unha escolarización deficiente prodúcese cando os alumnos están escolarizados en circunstancias poucos idóneas. As causas que determinan un índice baixo poden ser, entre outras, un exceso de matrícula que determina unha ratio profesor-alumno excesivamente alta, unhas instalacións deficientes ou a utilización de locais provisionais pouco axeitados. En España a universalización do ensino obrigatorio e gratuíto, que se produciu coa Lei Xeral de Educación (LXE, 1970), supuxo, na práctica, a escolarización total da poboación na década dos 80 do s XX, iniciada devagar na segunda metade do s XX. No caso de Galicia, e segundo o investigador galego Narciso de Gabriel Fernández, convén distinguir dúas fases de crecemento, que coinciden con períodos de desenvolvemento, e dúas de retroceso, con períodos de regresións económicas e conflitos bélicos: entre 1910 e 1936 a taxa de escolarización supera o 50%; entre 1950 e 1980 culmínase o proceso de escolarización para case toda a poboación galega. As fases críticas sitúanse na transición dos ss XIX ao XX e na Guerra Civil e anos posteriores. Tamén se poden determinar as taxas de escolarización por sexos: a mediados do s XIX o diferencial sexual sitúa os homes con 33 puntos por enriba das mulleres, pero a mediados do s XX, eran as mulleres as que superaban os homes en 5 puntos. A taxa de escolarización mide con moita precisión o nivel de desenvolvemento social e económico dun país, de aí que se teña que considerar a súa transcendencia máis alá do ámbito estritamente educativo.