espírito

espírito

(< lat spirĭtu)

  1. [FILOS/RELIX]
    1. s m

      Ser inmaterial, simple e substancial, que ten a capacidade de posuírse a si mesmo por medio da autoconsciencia e da libre autodeterminación, e de realizar e comprender valores suprasensibles. Nas distintas concepcións relixiosas, o concepto de espírito ligouse co de alma, xa que os dous son principios vivificadores. Afirmouse a existencia de espíritos na natureza, reflexo da actividade física e psíquica da persoa. Para algúns, este animismo sería o primeiro estadio histórico na formación dos sistemas relixiosos. As súas características serían a natureza incorpórea ou sutil, o carácter de transcendencia sobre a morte, e a facultade de dotar de vida a un ser e facelo un individuo. Na tradición filosófica occidental contrapúxose a idea de espírito á de natureza, no senso de que este é o principio ordenador e comprensible daquela. O espírito interpretouse como πεῦμα ou principio animador ou como νοῦζ, pensamento, razón e explicación. Na filosofía grega, agás Heráclito, os materialistas e os estoicos, concibiuse o espírito, no senso de νοῦζ, independentemente da materia. Nesta oposición á materia inscribiuse a problemática filosófica do espírito. Para a escolástica, só Deus, como o intrínseco e absolutamente independente, é o espírito; a alma humana tamén o é pero só por participación. A filosofía dos ss XVII e XVIII presentou dúas posicións antagónicas: o espiritualismo dos racionalistas afirmou a súa existencia, a partir da que explicou a realidade material; e o materialismo mecanicista negou o espírito e reduciuno á materia. O idealismo alemán asumiu a idea romántica de espírito e G. W. F. Hegel deulle forma definitiva. Entendeu que o espírito e a natureza eran antitéticos, pero chegan a ser dialecticamente espírito total e realidade verificable mediante un proceso ternario: espírito subxectivo (natureza, suxeito práctico e cognoscitivo), espírito obxectivo (moralidade, dereito e historia) e espírito absoluto (arte, relixión e filosofía). Posteriormente, o materialismo renovado non mecanicista interpretouno como o resultado evolucionado da materia. O vitalismo opúxoo á vida no sentido de que é precisamente solidificación e esclerose.

    2. Espírito Santo

      Unha das tres persoas do Deus cristián ( Trindade).

  2. [ESOT]
    1. s m

      Ser inmaterial co que se poñen en contacto certas persoas mediante a práctica do espiritismo. OBS: Adoita empregarse en plural.

    2. espírito infernal/maligno/das tebras

      demo.

    3. espíritos vitais/animais

      Na filosofía antiga, espíritos que levaban a vida do corazón e do cerebro ao resto do corpo. Na tradición galega podían actuar como medio para transmitir o mal de ollo.

  3. s m

    Persoa, considerada en canto á súa cálidade intelectual e humana.

    Ex: Foi un dos espíritos precursores do renacer literario.

  4. s m

    Ánimo ou valor para actuar.

    Ex: É unha persoa con moito espírito. Hai que ter espírito para ir pescar con este temporal.

  5. s m

    Inclinación ou disposición cara a algo, como un comportamento ou unha actitude.

    Ex: Na competición prevaleceu o espírito deportivo.Tiña un grande espírito de loita.

  6. s m

    Adhesión exclusiva de alguén a un grupo ou clase aos que antepón os seus intereses.

    Ex: Había un espírito de corpo no seu rexemento de infantería.

  7. s m

    Conxunto de características ou tendencias esenciais que se poden apreciar nas manifestacións dunha colectividade.

    Ex: A súa obra reflicte o espírito romántico da época.

  8. s m

    Sentido ou intención que subxace a un texto.

    Ex: Explicoulles moi ben a Constitución para que entendesen o seu espírito.

  9. s m

    Substancia volátil que se obtén por destilación.

  10. s m [LING]

    Signo gráfico da escritura grega clásica que se coloca sobre unha vogal inicial de palabra (se esta vogal é maiúscula anteponse a ela e se forma parte dun ditongo colócase sobre a segunda vocal) para indicar se deben ser aspirados ou non. A aspiración indícase mediante o espírito áspero, forte ou rudo <‘> (ὁπλίτης ‘hoplita’,ἑλλάς ‘Hélade’) e a súa ausencia mediante o espírito suave, débil ou leve <’> (ἀγορά‘ágora’, ἕρως ‘amor’, ἰρχύς ‘forza’). O ρ e υ gregos, en posición inicial de palabra, levan sempre espírito áspero enriba (ὑγρός ‘húmedo’, ρήτωρ ‘orador’). Cando hai ρ xeminado no interior dunha palabra, adoita colocarse espírito áspero sobre o segundo ρ <ρρ‘ >. Tradicionalmente, o espírito áspero adoita representarse na escrita mediante un (Ἠρακλῆς ‘Heracles’,ἑλένη ‘Helena’).

Frases feitas

  • Abater o espírito. Desanimar.

  • 1 Darlle ánimos a alguén.

  • 2 Recuperar alguén o ánimo.

  • En espirito. Sen participación corporal.

  • Levantar/ Erguer o espírito.