falcón

falcón

(< lat tardío falcōne)

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]
    1. Ave de rapina do xénero Falco, da familia dos falcónidos, caracterizada por presentar a cabeza relativamente grande -co peteiro curto e ganchudo, co bordo da mandíbula superior dentado e, as máis das especies, cunha mancha escura como unha bágoa na parte inferior dos ollos-, a cola relativamente longa, as poutas fortes e as alas agudas. Son excelentes voadores de gran fortaleza e axilidade. As femias son xeralmente máis grandes cós machos. Aniñan en cantís, edificios, árbores, e algunhas especies incluso no chan. Poñen entre dous e cinco ovos que son case redondos e punteados. As crías tardan un tempo, dende que abandonan o niño, en ser independentes. Son de distribución cosmopolita e só están ausentes dos polos e das zonas máis áridas dos desertos. A súa captura na cetrería, así como os pesticidas, ocasionaron unha grave redución das súas poboacións.

      Confrontacións: esmerillón.
    2. falcón albar [cast: halcón gerifalte; ingl: gyrfalcon] [Falco rusticolus, Fam dos falcónidos]

      Ave de entre 51 e 58 cm de lonxitude, de coloración branca ou cinsenta, con moutas negras e coa base das alas máis anchas ca outros falcóns. Aliméntase principalmente de aves mariñas. Distribuído polo N da rexión holoártica, habita preferentemente en cantís mariños. En Europa cría en Islandia, na Península Escandinava e no N de Rusia. En Galicia é unha ave accidental.

    3. falcón bérber [cast: halcón de Berbería, halcón de tagarote; ingl: Barbary Kestrel] [Falco pelegrinoides, Fam dos falcónidos]

      Ave de entre 34 e 45 cm de lonxitude e cunha envergadura de 90 cm. É semellante, aínda que máis clara, ao falcón peregrino.Vive no N de África, dende as illas Canarias ata o Medio Oriente.

    4. falcón de Leonor [cast: halcón de Eleonor; ingl: Eleonora’s Falcon] [Falco eleonorae, Fam dos falcónidos]

      Ave de 38 cm de lonxitude que pode presentar a plumaxe escura -de cor castaña e escura uniforme- ou clara -coas partes superiores castañas escuras, queixo e pescozo claro e peito ocre moi raiado de negro-. Os dous sexos son semellantes. Aliméntanse de insectos cazados en voo e de pequenas aves, especialmente durante a época de cría, que coincide coa migración dos paxaros. Habita en illas e illotes do Mar Mediterráneo e na costa do N de África. Cría de xeito solitario ou formando colonias de entre media ducia e 100 parellas en cantís costeiros. Pasa o inverno en Madagascar.

    5. falcón pequeno [cast: alcotán; ingl: Eurasian Hobby] [Falco subbuteo, Fam dos falcónidos]

      Ave de entre 30 e 35 cm de lonxitude e de 70 a 85 cm de envergadura, de dorso gris escuro, peito e gorxa brancas, as partes inferiores listadas de negro e os zancos vermellos. Respecto a outros falcóns presenta as alas máis longas e a cola máis curta. Aliméntase principalmente de grandes insectos voadores como as libélulas e pequenas aves. Son tamén capaces de capturar as andoriñas e os cirrios. Habita espacios abertos con poucas árbores, especialmente preto de masas de auga, e cría en árbores a grande altura, en niños abandonados de córvidos. Distribuído polo Paleártico, inverna na África tropical.

    6. falcón peregrino [port: falcão-real; cast: halcón peregrino; ingl: Peregrine Falcon] [Falco peregrinus, Fam dos falcónidos]

      Ave duns 38 cm, no caso do macho, e 48 cm a femia, e cunha envergadura de entre 80 e 115 cm, de corpo forte e coa base das alas bastante ancha. Presenta as partes superiores cinsentas azuladas e as inferiores brancas con puntos escuros. Cando realiza voos en picado, para atacar dende arriba as presas, acada os 200 km/hora. A parella pode cazar de xeito combinado: o macho espanta as aves pousadas -que constitúen basicamente a súa dieta-, e a femia, que é máis forte, captúraas en voo. Aniña en cantís ou en niños abandonados de grandes aves. Está presente en todos os continentes, agás na Antártida, e en numerosas illas. En Galicia é unha especie escasa.

  2. s m [BÉL]

    Pequena peza de artillería de calibre variable e similar ao falconete.

Palabras veciñas

Falcoeiro | falcoeiro -ra | falcoería | falcón | Falcón | Falcón | Falcón Osorio, Pilar