Falcón

Falcón
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe emparentada cos Falcão portugueses, que se estableceu en Castrelos e, posteriormente, en Quintela e Cedeira (Redondela), Pontellas (O Porriño), Parderrubias (A Merca), Ribarteme (As Neves) e Pontevedra. As súas armas levan, en campo de ouro, un castelo, dunha soa torre, e sobre esta, un falcón, de sable, coas alas estendidas, en actitude de picar a outro falcón, da mesma cor, deitado aos seus pés; na porta do castelo, tres bordóns de prata entrelazados, dous en aspa e o outro perpendicular; bordo de azul con oito monllos, con cadanseus tres bordóns, de prata, e cadansúa coroa, tamén de prata, colocados dous en xefe, dous en punta e dous en cada flanco. Algunha variante trae, en campo de prata, un falcón, de sable, picado e membrado de ouro, voando coa cabeza cara ao cantón destro da punta, e coa cola cara ao cantón sinistro do xefe, en situación de barra; bordo componado de sable e prata. Algúns presentan, en campo de azul, unha panela de goles, perfilada e salpicada de ouro, e un falcón, da súa cor, picado e membrado de ouro, e coas as estendidas, picando a panela. Outros levan, en campo de azul, tres bordóns de prata, dereitos e postos en faixa.