2 franco -ca

2 franco -ca

(< xerm *frank ‘libre, exento’)

    1. adx

      Relativo ou pertencente aos francos.

    2. s

      Individuo do pobo xermánico dos francos.

    3. s m pl [HIST]

      Pobo xermánico constituído pola agrupación de diversas poboacións do Rin inferior, camavios, brúcteos, ampsivarios, catos e sicambrios, que penetraron dun xeito pacífico e gradual na Galia. Como consecuencia do debilitamento das defensas romanas do limes xermánico, atravesaron o Rin en diversas ocasións (254, 258 e 276) e devastaron a Galia. No s IV foron admitidos como auxiliares no exército romano e no 358 o Emperador Xuliano o Apóstata asinou a paz cos que se estableceran ao O do Mosa, que acadaron o estatuto de foederati e foron designados como francos salios, mentres que os que permaneceron na marxe dereita do Rin denomináronse francos ripuarios. A comezos do s V o xeneral Estilicón confirmou un pacto con eles, polo que se instalaban nas terras ocupadas constituíndo un limes de carácter defensivo. A súa sociedade estaba composta maioritariamente por campesiños libres dirixidos por unha pequena nobreza e, a diferencia doutras tribos xermánicas, emprenderon unha intensa colonización dos novos territorios sobre os que se asentaron. A finais do s V os salios xermanizaron a Renania e o N de Bélxica e estendéronse ata o Loira, mentres que os ripuarios se apoderaron de Tréveris, Colonia e chegaron ata Metz (475). Baixo Clodoveo I (481-511), o primeiro rei que conseguiu unha certa unidade entre as diferentes tribos francas, os salios eliminaron os restos do exército romano na Galia (486) e fundouse o reino franco. Despois da súa conversión ao catolicismo (498), destacou entre os reis bárbaros como defensor da Igrexa en Occidente e, co apoio dos bispos, emprendeu a guerra contra os visigodos arrianos. Despois de derrotalos na Batalla de Vouillé (507), empurrounos cara ao S e arrebatoulles Tolosa, ao tempo que impuxo a súa autoridade sobre todos os francos. O seu dereito é coñecido pola lei sálica, ao redor do 500, e pola lei rupuaria, cara ao 540. O rei era o xefe pero nos asuntos importantes necesitaba a aprobación do pobo que se reunía anualmente en asemblea. Os contactos cos francos na Península Ibérica, que comezaron durante os enfrontamentos cos visigodos no s VII, prolongáronse trala expedición de Carlomagno contra Zaragoza (778). As sucesivas conquistas de Girona (785), Cerdaña e Urgell, ao redor do 789, Barcelona (801), e o Pallars e a Ribagorza antes de 807, estableceron unha área sometida ao dominio do Imperio Franco. Dende mediados do s X a dependencia política respecto ao reino franco desapareceu, pero o país experimentou a súa influencia cultural.

    4. arte dos francos [ARTE]

      Arte desenvolvida polo pobo franco. Vinculada coa arte romana tardía, tivo influencias orientais, bizantinas, coptas e occidentais, do fondo céltico, do mundo irlandés insular e ata do mundo visigótico. Os restos arquitectónicos están moi reformados. Destacan o baptisterio de Saint-Jean de Poitiers (s VII), cun hipoxeo escavado no mesmo lugar, e a cripta funeraria de Jouarre, con paredes de opus reticulatum. Polas descricións textuais, suponse que a planta das igrexas era rectangular, con cruceiro e cunha bóveda máis alta sobre este. A escultura coñécese polos relevos dos sarcófagos e os capiteis de tradición corintia. No eido das artes suntuarias destacan os esmaltes cloisonné e champlevé, e as pedras semipreciosas aplicadas a fibelas.

  1. adx e s

    Nome co que os gregos designaban os croatas e expedicionarios latinos a Grecia e ao Oriente.

    1. adx

      Exento de cargas ou pagamento de taxas ou impostos.

      Ex: Nesta vila hai un mercado franco todos os meses.

    2. porto franco

      Porto no que poden descargarse e almacenarse as mercadorías sen pagar impostos e dereitos de aduanas.

    3. zona franca

      Área dedicada á actividade industrial ou comercial que se beneficia de certas exencións de impostos e dereitos de aduanas.

  2. adx

    Que non ten obstáculos e permite o paso libremente.

    Ex: Deixaron franca a entrada ó edificio.

    Confrontacións: libre.
  3. adx

    Que é sincero e expresa abertamente o que sente ou pensa.

    Ex: Gústanme as persoas francas. O seu carácter franco fai que sempre estea rodeado de bos amigos.

    Confrontacións: natural.
  4. adx

    Que se presenta de forma clara e patente e non ofrece dúbida.

    Ex: O enfermo nas últimas horas experimentou unha franca melloría.

  5. piso franco

    Piso usado de forma clandestina para actividades ilegais, xeralmente polos membros dunha banda terrorista.