Fundación Festa da Istoria
Fundación sen ánimo de lucro constituída en Ribadavia durante os días 4 e 5 de maio de 1998 por acordo da Asociación Coordinadora Festa da Istoria. Entre os seus obxectivos destacan a contribución á dinamización cultural e social e á expansión económica do seu contorno; colaborar na mellora e fomento das zonas monumentais, así como na recuperación histórica de monumentos e edificios, e contribuír á promoción turística con actividades que promovan o interese pola comarca. Despois da aprobación dos estatutos polo Concello de Ribadavia o 28 de maio de 1998, estableceuse un padroado como órgano de goberno e representación formado por un mínimo de 10 membros baixo a presidencia do alcalde de Ribadavia. Os vocais distribúense entre os representantes da asociación coordinadora Festa da Istoria, que contan con dous tercios, e ás entidades, asociacións e empresas que se integren na fundación que se reparten o terzo restante. O padroado elixe entre os seus membros o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro.