Gelderland

Gelderland

Provincia dos Países Baixos (5.144 km2; 1.906.800 h [estim 1999]). A capital é Arnhem. Está limitada ao SL por Alemaña, ao S por Brabante Setentrional, ao O por Utrecht e Holanda Meridional, ao N por Ijssel e ao NL por Overijssel. Está drenada polo Rin, o Ijssel e o Mosa. Son frecuentes as granxas mixtas de explotación agrícola e gandeira. A actividade industrial concéntrase en Arnhem. O condado de Zutphen quedou unido a Gelderland no 1190, baixo o goberno do conde Odón I e transformouse en ducado con Reinaldo II (1339). Trala morte sen herdeiros de Reinaldo IV (1434) os cidadáns e os nobres do ducado elixiron sucesor a Arnaldo I, que foi derrotado e capturado polo seu fillo Adolfo I (1465). Carlos I de Borgoña liberouno (1471) e conseguiu o ducado a cambio (1473), pero o pobo rexeitouno (1477) e outorgoulle o poder a Catarina, filla de Arnaldo I, que actuou como rexente do seu sobriño Carlos II ata a súa maioría de idade (1492). Os enfrontamentos co Emperador Carlos V durante o ducado de Carlos II remataron durante o goberno do seu sucesor Guillerme II o Rico, que cedeu Gelderland e Zutphen ao emperador. No 1579 Gelderland adheriuse á Unión de Utrecht contra Filipe II de Castela, mentres a rexión meridional quedou en poder dos Habsburgo hispanos ata o Tratado de Utrecht (1713). Formou parte das Provincias Unidas dos Países Baixos dende finais de 1795. Posteriormente, integrouse na República Batava (1795-1806), no Reino de Holanda (1806-1810) e no Imperio Francés (1810-1813). Dende 1814 é unha provincia dos Países Baixos.

Palabras veciñas

Geissler, tubo de | Gejiu | Gela | Gelderland | Gelfand, Israil Moisejevič | Gelida | Gelio, Aulio