hegelianismo
(< antropónimo G. W. F.Hegel)
Corrente filosófica derivada do sistema hegeliano e que tivo unha influencia moi diversa posteriormente. Os discípulos de G. W. F. Hegel, continuadores das súas ideas e métodos, dividíronse entre unha dereita de tipo teísta, na que destacaron pensadores como Göschel e Daub; unha esquerda ateísta representada, entre outros, por A. Ruge, B. Bauer, L.A. Feuerbach e D. F. Strauss; e unha postura media entre ambas as dúas liderada por J. E. Erdmann, K. Fischer e J. K. F. Rosenkranz. Nun principio K. Marx simpatizou cos hegelianos da esquerda e, aínda que acabou polemizando con eles ao limitar a actividade crítica ao campo teórico, conservou de Hegel o método dialéctico. A publicación a comezos do s XX dos Escritos de xuventude de Hegel desencadeou en Alemaña e Italia un renacemento das súas doutrinas. En Italia o idealismo hegeliano estivo representado por B. Croce e M. G. Gentile, e en Alemaña por R. Kroner, S. Mark e A. Liebert. Cómpre destacar tamén a presenza das ideas hegelianas nos autores relacionados coa escola sociolóxica de Frankfurt.