Independencia, Guerra da
Conflito armado sostido polos españois fronte á invasión napoleónica, entre 1808 e 1814. A entrada de tropas francesas en territorio español con destino á invasión de Portugal provocou o descontento popular, que se reflectiu no estoupido do Motín de Aranjuez (17-18 de marzo de 1808). A revolta converteuse en guerra tralas abdicacións en Baiona dos monarcas españois (2-6 de maio), que culminou co levantamento do pobo de Madrid o 2 de Maio. Durante o mes de xuño a insurrección estendeuse por todo o país. Xunto ás tropas españolas, que contaban co apoio británico, loitaba un movemento guerrilleiro coñecido en España como tal desde este conflito. A derrota do exército francés na Batalla de Bailén (19 de xullo) provocou o abandono do trono de Xosé I Bonaparte, proclamado rei por Napoleón, e a intervención directa deste no conflito. Coa derrota francesa na Batalla dos Arapiles (xullo de 1812) comezou a grande ofensiva hispano-inglesa, que culminou coas vitorias de Vitoria e San Marcial. Trala firma do Tratado de Valençay (decembro de 1813), Fernando VII recuperou a Coroa española. Durante o conflito, o poder detentouno a Xunta Suprema Central Gobernativa, que se disolveu ao trasladarse a Cádiz en 1810, formándose un consello de rexencia. En setembro de 1810 constituíronse as Cortes de Cádiz, posteriormente trasladadas a Madrid, que promulgaron a Constitución de 1812 e mantiveron a potestade lexislativa ata o regreso de Fernando VII. Galicia participou no conflito desde os seus inicios. Trala ocupación do territorio galego polo exército francés durante o mes de xaneiro de 1809, a loita estivo protagonizada polo pobo, que se articulou en guerrillas que illaron os exércitos franceses e recuperaron as vilas e cidades tomadas por estes. As partidas conseguiron, entre outros logros, a reconquista de Vigo e de Tui. Moitas das guerrillas integráronse na División do Miño, exército popular dirixido por Martín de la Carrera, que tomou Santiago de Compostela (23.5.1809) e acadou a vitoria definitiva na Batalla de Pontesampaio (7-9 de xuño de 1809), coa conseguinte expulsión dos franceses.