independentismo
(
Movemento que pretende acadar a independencia ou separación dun pobo, país ou nación do estado en que está incluído. As primeiras organizacións independentistas galegas creáronas colectivos galegos no exterior. En 1921 formouse en La Habana o Comité Revolucionario Arredista Galego (CRAG), primeira organización galega declaradamente independentista, liderada por Francisco Gómez. Posteriormente, en 1926, iniciouse en Bos Aires a edición do xornal independentista A Fouce, impulsado por un grupo integrado na Irmandade Nazonalista Galega. En 1930 creouse en Bos Aires a organización independentista Sociedade Nazonalista Pondal, disolta en 1938. Mentres, en Galicia constituíuse a Vangarda Nazonalista Galega (1933), primeira organización independentista do interior. Entre os movementos opositores ao franquismo desde o independentismo constituíuse, en novembro de 1963, a Unión do Pobo Galego (UPG), onde confluíron o galeguismo e o marxismo-leninismo. A UPG estableceu contactos con forzas independentistas doutras nacións do Estado, como o Partit Socialista d’Alliberament Nacional dels Països Cataláns (PSAN), o Euskadi ta Askatasuna (ETA), e doutros países de Europa, como o portugués Partido Revolucionário do Proletariado (PRP), a UDB bretoa ou os irlandeses Sinn Féin e Irish Republican Army (IRA). A UPG sufriu unha escisión pola esquerda, o PGP (1977), que creou unha organización asemblearia propia, Galiza Ceibe-Organización de Liberación Nacional, e articulou unha nova fronte armada denominada Loita Armada Revolucionaria (LAR). A detención de varios dirixentes do PGP, entre setembro e novembro de 1980, levou á súa desarticulación. Tralo abandono dun grupo de militantes, encabezado por Méndez Ferrín, en novembro de 1983, Galicia Ceibe entrou nunha etapa de radicalización e loita armada que se prolongou ata mediados da década de 1980. En 1986 xurdiu unha nova organización independentista, o Exército Guerrilheiro do Pobo Galego Ceive (EGPGC), integrada por militantes de Galiza Ceibe e membros da UPG, que protagonizaron actos violentos, ata que foi desarticulada en 1990. Tamén en 1986 a UPG sufriu unha nova escisión pola esquerda, da que xurdiu o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), que formou a Frente Popular Galega (FPG) en 1987, xunto coa refundada Galiza Ceive e outros grupos independentistas. En 1989 produciuse a separación dun sector da FPG, que constituíu un novo grupo independentista e reintegracionista, a Assembleia do Povo Unido (APU).