liñaceiro

liñaceiro
  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Nome común co que se coñece a algúns paxaros da familia dos frinxílidos, que miden aproximadamente 13 cm, presentan plumas de cor parda e viven en lugares de vexetación baixa.

  2. liñaceiro biquiamarelo [ANIMAL/ORNIT]

    Ave duns 13 cm que presenta a plumaxe de cor ocre con raias negras e o peteiro amarelo. Aliméntase de grans e de certos insectos. Cría en Noruega, Irlanda e N de Reino Unido e atópase na Península Ibérica como divagante invernal pola zona do N, aínda que é moi raro atopalo en Galicia.

  3. liñaceiro común [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 13 cm, que presenta o peteiro gris escuro, os bordos das primarias brancas ao igual ca os das rectrices externas, e as patas de cor carne. O macho reprodutor ten a cabeza gris pálida e a gorxa branca, con manchas encarnadas no píleo e no peito. No inverno o macho é moito máis apagado e, a miúdo, sen encarnado visible. A femia e o inmaduro son aínda máis apagados. É gregario a maior parte do ano e fai dúas postas, unha a mediados de abril e outra en xuño-xullo. En inverno forman bandos de ata 300 individuos que vagan sobre terreos baldíos, terras de cultivo e marismas. En Galicia habita en lugares de vexetación baixa e en descampados, xunqueiras, dunas e cultivos.

    Sinónimos: nabiñeiro.
  4. liñaceiro paponegro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 13 cm que presenta a plumaxe parda con raias negras, a testa vermella e a gorxa negra. O macho diferénciase da femia porque ten o peito e a parte máis alta da cabeza rosada. Aliméntase de sementes. De distribución holártica, é raro atopalo en Galicia.

Palabras veciñas

Lin Biao ] | liña | liñaceira | liñaceiro | lináceo -a | Liñaio | linalilo