liña

liña

(< lat linĕa)

    1. s f [MAT]

      Conxunto de puntos do plano ou do espacio que son a imaxe, para unha aplicación continua, do conxunto dos números reais.

    2. s f

      Trazo que representa unha liña.

    3. s f [MAT]

      Trazo dun grosor moi pequeno en relación coa súa lonxitude.

    4. s f [MÚS]

      Trazo continuo que serve de orientación para indicar as diferentes alturas das notas nunha composición musical escrita. Chámanse liñas adicionais as que acompañan as notas que saen fóra do pentagrama ascendente ou descendentemente.

    5. liña batimétrica [XEOL]

      isóbata.

    6. liña cotidal [XEOL]

      Liña imaxinaria que une os puntos dunha costa na preamar ou na baixamar tendo lugar á mesma hora.

    7. liña crebada [MAT]

      Liña formada por varios trazos rectos.

    8. liña de acción [TECNOL]

      Lugar xeométrico dos puntos de contacto de dous perfís conxuntados dos dentes dunha engrenaxe durante o movemento.

    9. liña de base [MAR]

      Cada unha das liñas que se utilizan para medir o ancho do mar territorial que está baixo a soberanía dun Estado. Segundo a Convención sobre o Dereito do Mar (1982), pode establecerse liña de base normal, liña da baixamar ao longo da costa recoñecida nas cartas de navegación oficiais como a costa dun Estado; e liña de base recta, liña empregada para medir o ancho cando hai accidentes costeiros, deltas, aberturas profundas, entrantes ou franxas de illas ao longo da costa.

    10. liña de bases [MAR]

      Liña de relevo sinalada polo canto superior externo das bases das cadernas.

    11. liña de bolina [MAR]

      Recta que forma un ángulo de seis cuartos coa dirección do vento, a un ou outro costado desta.

    12. liña de cambio de data [ASTRON]

      Liña imaxinaria que, partindo do Polo Norte, atravesa o Océano Pacífico ata o Polo Sur. Cando un viaxeiro a atravesa de L a O, ten que sumar un día á data que tiña, mentres que se a atravesa de O a L, ten que restarlle un. Esta liña coincide aproximadamente co meridiano 180°.

    13. liña de campo [FÍS]

      Liña dun campo vectorial en que os vectores correspondentes aos seus puntos son tanxentes a ela. Segundo o campo sexa de velocidades ou de forzas, fálase de liñas de corrente ou de forza.

    14. liña de corrente [FÍS]

      Liña que, no seo dun fluído en movemento, nun instante determinado, é tanxente, en cada punto, ao vector velocidade do fluído neste punto.

    15. liña de costa [MAR]

      Liña de contacto entre a costa e o mar, que pode presentar diversas formas segundo o tipo de costa.

    16. liña de cristas [XEOG]

      Liña que une os puntos máis altos situados entre vales, aos que separa, e que fai de liña divisoria das augas.

    17. liña de falla [XEOL]

      Liña de intersección do plano de falla coa superficie topográfica.

    18. liña de flotación [MAR]

      liña de flotación.

    19. liña de forza [FÍS]

      Liña de campo dun campo de forzas que é tanxente en cada punto ao vector forza.

    20. liña de fuga [MAT]

      Conxunto de puntos de fuga das rectas contidas, en perspectiva, nun plano dado.

    21. liña de horizonte [MAT]

      Intersección do plano do horizonte co cadro, en xeometría descritiva.

    22. liña de nivel [XEOG]

      curva de nivel.

    23. liña de revés [MAR]

      Liña de bolina do bordo contrario a aquel ao que se refire.

    24. liña de terra [MAT]

      Intersección, en perspectiva, do plano de terra co cadro.

    25. liña equinoccial [XEOG]

      ecuador terrestre.

    26. liña femoral [ENTOM]

      Liña que nos insectos está situada sobre o metasternito, por debaixo do fémur intermedio ou ben sobre o primeiro segmento do abdome por debaixo do fémur posterior.

    27. liña mixta [MAT]

      Liña formada por segmentos rectos e curvos que se suceden alternativamente.

    28. liña neutra [FÍS]

      Cada unha das liñas dunha máquina eléctrica determinadas polas posicións das pezas condutoras que establecen o contacto eléctrico, e que corresponde a un par electromagnético nulo.

    29. liña poligonal [MAT]

      Liña constituída por unha sucesión de segmentos, de tal xeito que o principio dun segmento coincide co final doutro.

    30. liña trigonométrica [MAT]

      Cada un dos segmentos cos que se representa xeometricamente as funcións trigonométricas, baseándose nunha circunferencia de radio 1.

  1. s f
    1. Aspecto externo dunha cousa que se deduce do seu contorno, do seu deseño ou do seu estilo.

    2. Esvelteza dun corpo.

    1. s f

      Serie de cousas ou persoas dispostas dunha maneira continua nunha dirección determinada.

    2. s f [BÉL]

      Serie de persoas, situadas unha a carón doutra, principalmente a efectos militares.

    3. liña de batalla [BÉL]

      Disposición das tropas para as operacións de combate.

    4. liña de fogo [BÉL]

      Serie de fortificacións e unidades de poboación expostas á acción ofensiva do inimigo.

    5. liña de marcación [MAR]

      Formación naval simple constituída por unidades que navegan mantendo todas o barco guía á mesma marcación. As unidades ocupan puntos dunha recta que forma un ángulo (o da marcación que segue) coa proa.

    6. primeira liña [BÉL]

      Serie de lugares situados máis próximos ao combate ou expostos inmediatamente á acción bélica.

    7. segunda liña [BÉL]

      Serie de lugares en que están previstas accións bélicas posteriores ás da primeira liña.

  2. s f

    Serie de caracteres nun escrito.

  3. s f

    Serie horizontal de números no cartón do xogador que coincide cos premiados no xogo do bingo.

  4. s f
    1. Conduta ou comportamento dunha persoa.

    2. Tendencia ou orientación de algo.

  5. s f

    Serie de produtos comerciais que teñen unha característica común.

  6. [TRANSP]
    1. s f

      Camiño marítimo, aéreo ou terrestre que serve de transporte ou comunicación entre dous puntos.

    2. s f

      Servicio regular de vehículos que percorren un camiño.

    3. liña aérea

      Compañía autorizada para facer operacións regulares de transporte de persoas, mercadorías e correo por medio de aeronaves.

  7. [XEN]
    1. s f

      Conxunto de persoas, polo menos de tres xeracións, que, nunha árbore xenealóxica lineal, descenden dun fillo da estirpe (este incluído) ou dun fillo dun primoxénito (tamén incluído) da liñaxe. A liña troncal, principal ou primoxénita vén orixinada polo fillo primoxénito da estirpe e continuada polos sucesivos primoxénitos. A liña secundaria é a formada por un fillo secundoxénito da estirpe ou por un secundoxénito da liña troncal.

    2. liña directa

      Liña que vai de pai a fillo e viceversa.

    3. liña feminina

      Liña que procede por descendencia feminina.

    4. liña masculina/agnaticia

      Liña que procede por descendencia masculina.

  8. s f [PESCA]

    Arte de pesca que consta dun fío ou tanza, xeralmente de nailon ou cánabo, cunha chumbada e un ou varios anzois empalmados no extremo.

    Sinónimos: cordel.
  9. s f [METROL]

    Unidade de lonxitude igual á doceava parte dunha polgada.

  10. s f [COMUN]

    Cada un dos trazos en que se descompón a imaxe mediante a exploración. O conxunto de liñas constitúe a trama. O número de liñas depende do sistema empregado. Segundo a norma europea, a imaxe ten 625 liñas.

  11. [ARQUIT]
    1. s f

      Liña recta que pasa polos arranques dun arco ou dunha bóveda.

    2. liña de imposta

      Intersección entre o intradorso dun arco ou bóveda e o paramento do muro sobre o que se apoian cada un dos seus puntos de arranque.

    1. liña artificial [COMUN]

      Rede formada por elementos pasivos, que simula as características eléctricas dunha liña de transmisión.

    2. liña de atraso [FÍS]

      Liña de transmisión, real ou artificial, destinada especialmente a introducir un certo atraso nun sinal eléctrico calquera.

    3. liña de transmisión [COMUN]

      Estrutura capaz de confinar e propagar enerxía electromagnética na dirección do seu eixe lonxitudinal (guía de ondas, cable coaxial ou fibra óptica), ou ben o conxunto de dous ou máis condutores que admiten propagación de ondas transversais electromagnéticas (TEM). No eido das microondas foron empregadas a liña bifilar paralela e o cable coaxial. Na actualidade desenvolveuse a microstip e a stripline.

    4. liña de transmisión [INFORM]

      Conxunto de circuítos interconectados que permiten que os datos se transmitan entre dous terminais calquera nun momento dado. Pode operar por medio dunha conexión punto a punto ou multipunto, entre diversas estacións terminais ao longo do seu percorrido.

    5. liña eléctrica [FÍS]

      Condutor ou conxunto de condutores, xeralmente de cobre ou aluminio, que se emprega para o transporte e a distribución da enerxía eléctrica. As liñas de transporte unen as centrais xeradoras coas transformadoras, e adoitan ser liñas aéreas de alta tensión. As liñas de distribución son as encargadas de enviar a enerxía a media ou baixa tensión das centrais transformadoras aos puntos de utilización. Empréganse liñas aéreas en tramos interurbanos e subterráneas en cidades importantes. As tensións máis usuais están comprendidas entre 6 e 220 kV, e nalgúns casos poden chegar ata 1.000 kV. Para a protección das liñas empréganse dispositivos de seguridade e de control, como pararraios, disxuntores ou relevadores. O transporte de enerxía eléctrica faise con corrente alterna, excepto nalgúns casos especiais que se fai con corrente continua a moi alta tensión.

    6. liña resoante [FÍS]

      Liña de transmisión que ten unha indutancia e unha capacidade distribuídas e que é resoante a unha determinada frecuencia, xeralmente moi elevada.

  12. [XEN]
    1. liña de adición

      Liña formada por xenotipos onde, ademais do complemento cromosómico completo dunha especie, hai un par ou máis de cromosomas doutra.

    2. liña de substitución

      Liña formada por xenotipos que, sendo nulisómicos para un cromosoma ou máis, en lugar destes conteñen un par ou máis de cromosomas doutra especie.

    3. liña pura

      Conxunto de individuos obtidos por autofecundacións sucesivas a partir dun só proxenitor homocigótico.

  13. liña alba [ANAT]

    Espacio que queda entre os músculos rectos do abdome. É unha cinta tedinosa ampla, onde se insiren os músculos oblicuo e transversais do abdome.

  14. liña lateral [ZOOL]

    Órgano sensorial do equilibrio propio dos peixes e dos estados larvais dalguns anfibios. Consiste nun sistema de canais mucosos superficiais distribuído polo tronco e a cola, seguindo a liña media lateral, e pola cabeza en diversas liñas ramificadas. Estes canais ábrense ao exterior e as súas paredes están provistas de botóns sensoriais.

  15. liña Mackie [IND/ARTE]

    Liña de luz arredor das áreas escuras dunha imaxe, que se produce por solucións deterioradas, por insufuciente axitación ou por solarización.

Palabras veciñas

Limulus | limusina | Lin Biao ] | liña | liñaceira | liñaceiro | lináceo -a